O sorprendente retorno do presidente deposto Manuel Zelaya a Honduras alenta diversas variables a tomar en conta sobre a evolución da crise política instalada nese país centroamericano tralo golpe de Estado do pasado 28 de xuño.
En primeiro lugar, o peso específico de Brasil como actor diplomático de importancia na solución das controversias. Tralos fracasos das negociacións estipuladas nos Acordos de San José e da intermediación do presidente costarricense Óscar Arias, semella impoñerse a habilidade diplomática e política brasileira para tentar buscar unha solución política á crise hondureña, con Zelaya agora dentro do país.
A presenza de Zelaya na embaixada brasileira de Tegucigalpa e os agradecementos persoais do deposto presidente hondureño tanto ao presidente Lula da Silva como ao seu chanceler Celso Amorim, revelan acertadamente a magnitude da implicación de Brasilia na solución desta crise.
Igualmente, a oferta de Zelaya dun diálogo nacional “para solucionar os problemas do grupo que deu o golpe de Estado”, considera a súa vontade de seguir mantendo a negociación como principal vehículo de solución sen abandonar os seu lexítimo pulso para ser restituído na presidencia.
Os fallos de Michelletti
En segundo lugar, o sorprendente xiro dos acontecementos demostra as dificultades do goberno de facto instalado por Roberto Michelletti e os grupos de poder, militares, empresariais e eclesiásticos, que apoiaron este golpe de Estado. Sen esquecer as denuncias de represión e violación dos dereitos humanos desde o golpe , o sorprendente retorno de Zelaya deixa ao espido as fallas de control, intelixencia e coordinación do goberno golpista.
Tomados por sorpresa ante o retorno de Zelaya, a tal punto que o propio presidente deposto revelou as fallas existentes con clara intención de orientar a responsabilidade cara as Forzas Armadas que lle deron o golpe, a inmediata reacción de Michelletti foi tan previsible como, posiblemente, torpe: pedir a Brasilia a entrega de Zelaya ante a xustiza hondureña, para ser procesado dentro do país, mentres reactivaba o “toque de queda”, cos seus consabidos mecanismos de represión.
Resulta tamén evidente que a estratexia de Michelletti de “queimar tempo” ata as eleccións previstas para o próximo 29 de novembro, a fin de afastar a Zelaya do país e minorar a presión internacional, comeza a manifestar fendas. A práctica totalidade dos organismos hemisféricos, dende a OEA ata o Grupo de Río e a ALBA, así como o goberno estadounidense de Barack Obama, amosaron dende un principio o seu apoio ao “presidente lexítimo” Zelaya, pedindo ou ben a súa restitución ou unha solución política pacífica.
As sancións internacionais recentemente aplicadas cara o goberno de facto de Michelletti, en especial a suspensión da axuda económica e dos visados a EEUU para os membros deste goberno, supuxo probablemente un punto de inflexión da situación actual, evidenciada coa tácita aprobación dos organismos hemisféricos sobre a necesidade do retorno de Zelaya a Honduras.
Escenarios á vista
En terceiro lugar, o “exemplo hondureño” pode dar a entender a posibilidade da reversión dun golpe de Estado e a posible restitución dun presidente militarmente deposto, algo que xa sucedera en Venezuela tralo breve golpe contra o presidente Hugo Chávez entre o 11 e o 13 de abril de 2002.
Se ben é algo incerto e, posiblemente, pouco fiable que Zelaya retorne inmediatamente ao poder, resulta evidente que o sorprendente xiro dos acontecementos probablemente obrigará a Michelletti a diluírse no escenario menos esperado e desexado: negociar directamente con Zelaya para solucionar a crise e evitar un posible “baño de sangue”.
Todo isto sen obviar que a tensa situación derive nunha indesexable ola de violencia, enfrontamentos e maior polarización. As decenas de miles de simpatizantes de Zelaya congregados na sede da embaixada brasileira confirman a lexitimidade do apoio popular ao presidente deposto, así como unha constante presión popular que Michelletti e o goberno de facto non puideron finalmente quebrar, a pesar da represión activada.
O inmediato apoio da ALBA ao retorno de Zelaya, así como as pormenorizadas revelacións do presidente Chávez sobre cómo Zelaya regresou a Honduras, son variables que permiten considerar a efectiva implicación diplomática do mandatario venezolano no sorprendente xiro dos acontecementos.
Pero, alén dos agradecementos e sen menosprezar a influencia do presidente venezolano, non semella ser exactamente Chávez a carta á que se encomenda Zelaya, quen probablemente cifra as súas esperanzas na capacidade de xestión de Lula e da diplomacia brasileira como factores decisivos na solución da crise hondureña. E, igualmente, para poder dar curso, progresivamente, á máis que probable asunción dun proceso constituínte no país centroamericano.
Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »