Existe un clima hemisférico en América tendente a propiciar a reinserción cubana dentro da Organización de Estados Americanos (OEA). Como ocorrera en abril pasado no Cumio das Américas de Trinidad e Tobago, este 39º cumio da OEA celebrado en Honduras colocou o tema cubano como epicentro dun amplo debate destinado a analizar a posibilidade do seu reintegro no organismo hemisférico.
Un día antes da inauguración do cumio da OEA, sendas noticias afincaron esa sensación aperturista que semella vivirse entre Cuba e o resto dos países latinoamericanos, así como EEUU. O goberno de Raúl Castro aceptou reiniciar o diálogo con Washington sobre emigración e comunicacións postais, suspendido desde 2003. Paralelamente, e durante a toma de posesión do novo presidente salvadoreño Mauricio Funes, asinouse a reapertura de relacións entre ambos países, tras décadas de ruptura diplomática.
Non obstante, e a pesar de que o propio Raúl Castro afincou a aparentemente inflexible posición de non querer reintegrarse na OEA, o momento actual determina varias variables que permitirán definir ata onde é posible albiscar unha Cuba plenamente reintegrada nos organismos de integración hemisféricos.
En primeiro lugar, a oferta lanzada polo presidente estadounidense Barack Obama en abril pasado, de inaugurar “unha nova era” nas relacións cubano-estadounidenses. A posibilidade de apertura diplomática e política entre EEUU e Cuba requirirá unha prolongada e cauta negociación que, directamente, suporá un reto para a secretaria de Estado, Hillary Clinton, á hora de determinar o pulso das relacións hemisféricas con Cuba. Incluso un organismo antano intolerante coa apertura cara Cuba, como é a Fundación de Amizade Cubano Americana, apoia plenamente o proceso de negociación ofertado por Obama.
En segundo lugar, resulta imprescindible considerar o rol que xogarían Brasil e Venezuela neste proceso de apertura continental cara Cuba. Brasilia xa é o segundo maior investidor na illa caribeña mentres Caracas constitúe o máis estreito aliado xeopolítico cubano, configurando un eixe paralelo no que se inclúen Bolivia, Ecuador, Nicaragua e Honduras.
Polo pronto, e sen esquecer os esforzos do presidente venezolano Hugo Chávez por finalizar o illamento exterior de Cuba, o xesto aperturista de Obama e a efectiva diplomacia brasileira están consolidándose como os eixes dinamizadores desta apertura.
A pesar das reticencias cubanas, o seu reintegro na OEA (da que foi expulsada en 1962) significaría a consolidación dun novo momento nas relacións dese país cos seus veciños hemisféricos. Pero tamén debería contribuír a xerar un punto de inflexión importante que permita abrir canais de apertura política interna na illa caribeña.
Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »