Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Medio-Evo

10:50 09/12/2009

O aplastante triunfo de Evo Morales nas pasadas eleccións presidenciais bolivianas marca un punto de inflexión e o remate dunha etapa política, caracterizada polas expectativas orientadas a un proxecto de cambios con marcado acento indixenista, así como a polarización socio-territorial manifestada por unha oposición tan politicamente debil como notoriamente radical nos seus procedementos.

Albiscando a maioría parlamentaria do gobernante Movemento ao Socialismo (MAS), o novo período que se abre ata o 2015 servirá a Morales para completar o seu proxecto político de “refundación de Bolivia”. A súa contundente popularidade e un MAS reforzado politica e electoralmente son elementos que servirán a Evo para afincar as bases do seu proxecto “nacionalista, socialista e indixenista”, deixando no aire toda serie de especulacións sobre as posibilidades reeleccionistas a longo prazo.

Evo tentará agora abrir un período de diálogo político cunha oposición en desbandada, basicamente afincada nos departamentos orientais e aleccionada ante a súa imposibilidade de vencer electoralmente ao presidente boliviano. Mentres Morales estudará unha posible reestruturación das autonomías rexionais, a oposición acusará os dilemas políticos derivados doutra derrota electoral que, a mediano prazo, pode radicalizar aínda máis as súas posicións fronte ao proxecto gobernamental.

Confirmando a súa alianza estratéxica co presidente venezolano Hugo Chávez así como cos demais países membros da ALBA, Morales inagurará este segundo período presidencial acelerando unha serie de reformas legais que confeccionarán un novo Estado en Bolivia, en especial no apartado do sistema político, da distribución da riqueza e do igualitarismo socioeconómico. Máis que un socialismo refundado, o proxecto oriéntase cara o tradicionalmente capitalismo de Estado latinoamericano, con marcados tentes de nacionalismo económico (vital para o control da riqueza nacional), reivindicación indíxena e horizontalidade política cara os movementos sociais, que permita afincar a pluralidade. O factor liderado está practicamente garantido en torno ao propio Morales e a consistencia política do MAS.

Abrindo a metade do seu período político e cunha serie de reformas internas en curso, os retos máis complexos para Evo concéntranse no escenario rexional, en especial nas súas relacións con Venezuela, Brasil e EEUU, os tres países con maior influencia dentro do escenario boliviano. Alén da alianza estratéxica con Chávez, Evo afrontará os consecuentes equilibrios emanados do pulso hemisférico entre Brasilia e Washington. Tras un primeiro período marcado polas expectativas, a Evo lle espera a etapa da definición.

2,5/5 (26 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...