Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

De Afganistán a Iemen

08:34 11/01/2010

A que obedece o repentino interese de Obama cara Iemen? Alén das últimas tentativas de atentados terroristas en EEUU e Europa, cuxas presuntas orixes apuntan a una célula de Al Qaeda neste país do Golfo Pérsico, a realidade semella indicar que Washington e, en especial Obama, necesita centrar a súa atención no reforzamento das estruturas de seguridade nacional e de loita antiterrorista, precisamente en momentos de indefinición da crise económica mundial.

Iemen só constituiría un apéndice da renovación do interese estratéxico de Washington cara o Golfo Pérsico, o Corno de África e o Sahel africano, sensibles á inestabilidade política e a proliferación de células terroristas. O acceso ao control deste amplo espazo xeoestratéxico colocaría no centro de atención a países inestables como Iemen e Somalia, acusados por Washington e os seus aliados de albergar “santuarios” para Al Qaeda.

Igualmente, isto permitiría á Casa Branca manter baixo a súa óptica a evolución do pulso mantido con Irán e outros países produtores de cru, como Arabia Saudita e Emiratos Árabes Unidos. Con isto, Obama inaugura o 2010 reforzando os esquemas de seguridade nacional do seu antecesor Bush, aínda que variando moderadamente o epicentro de atención dende Asia Central cara o Golfo Pérsico.

Os casos de Afganistán e Paquistán corren o risco de desencadear maiores problemas para a misión da OTAN e os intereses occidentais, en especial ante o reforzamento de posicións das milicias talibán na fronteira entre ambos países. Paralelamente, Al Qaeda podería estar reorientando as súas forzas cara o Golfo Pérsico e o Sahel africano, coa posibilidade de utilizar a países como Somalia e Iemen como plataformas de actuación e liberación de redes terroristas contra intereses occidentais no Corno de África e, incluso, na área mediterránea.

Non obstante, Al Qaeda afronta un presunto debilitamento das súas células yihadistas no Magreb, que poden reactivarse substancialmente nos próximos meses.

Aínda que non semella segura a posibilidade dunha acción militar directa estadounidense en Iemen, todo apunta a un reforzamento da cooperación antiterrorista de Washington co goberno de Sanáa. Iemen celebrará no 2010 o vixésimo aniversario da súa reunificación, enmarcada nunha difícil conxuntura de convivencia entre as comunidades sunnita e xiíta, aderezada coa persistente actividade das células yihadistas.

Velaí que, ao mesmo tempo que se multiplican as frontes antiterroristas para Washington, refórzanse os “falcóns” na Casa Branca, con grandes expectativas de dirixir a política exterior de Obama. Os factores simbólicos tamén contan dentro desta perspectiva, tendo en conta os orixes iemenitas sunnitas do propio Osama ben Laden.

2,67/5 (6 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...