Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Irán-EEUU: pulsando a disuasión

19:00 16/07/2008

O recente cruce de advertencias pre-bélicas por parte de Israel e EEUU e as contundentes probas misilísticas iranianas revelan os sinais dunha inevitable política de disuasión por parte de Teherán, destinada máis a fortalecer os mecanismos de negociación diplomática nun marco multilateral que inclúa á Unión Europea e á ONU que de confrontación bélica.

Neste particular contexto, a crise nuclear iraniana semella converterse nunha réplica do acontecido con Corea do Norte no 2006, previa manifestación do poder nuclear norcoreano. Non obstante, propiciar unha crise pre-bélica con Irán non resultaría exactamente un beneficio xeopolítico e militar para EEUU e Israel, aínda que si poda supoñer unha válvula de escape en clave de política interna.

O pulso entre o republicano John McCain e o demócrata Barack Obama está recolocando a crise iraniana como punto central do debate electoral estadounidense. Espérase unha maior activación da radicalización electoral cara Irán nos próximos meses, a tal punto que as posicións de McCain e Obama poden converxer directamente en activar maiores tenazas políticas, diplomáticas e ata militares cara Teherán.

En Israel non é menos importante a crise iraniana, tomando en conta que Teherán converteríase na segunda potencia nuclear en Oriente Medio tras Israel, con obvias repercusións xeopolíticas no taboleiro rexional. O acosado goberno do primeiro ministro Ehud Olmert, que sobrevive a pesar da constante ameaza de rachar e dar paso a un adianto electoral, pode observar na crise iraniana un factor de cohesión política e militar nacional o necesariamente sustentable para manterse no poder, cando menos a mediano prazo, ata que un novo goberno asuma en Washington.

As recentes advertencias de Tel Aviv a Teherán e as manobras militares israelís no mar Mediterráneo son un aviso indirecto a EEUU e á UE que podería dar cabida a unha arriscada resposta militar israelí contra Irán no caso de que, finalmente, fracasen a diplomacia e as negociacións do programa nuclear iraniano.

Pola súa banda, en Teherán tamén se observan mecanismos de política interna que avalan a disuasión militar cara EEUU e Israel. A un ano das eleccións presidenciais, Mahmud Ahmadíneyad necesita refacer determinados apoios internos, especialmente no marco militar a través da Garda Revolucionaria e as milicias pasdarán, e dentro do poder supremo teocrático, co apoio que pode propiciar o aiatolá Alí Jamenei, para acometer unha reelección que se avizora complicada, tomando en conta o avance do seu principal rival, o presidente do parlamento e ex negociador nuclear Alí Laríyani.
A potenciación dun Irán con capacidade nuclear exercerá un efecto inmediato na xeopolítica militar rexional. Siria, tradicional aliado iraniano que leva adiante unha negociación indirecta con Israel a través da diplomacia turca, anunciou a súa intención de converterse nunha potencia nuclear dentro dun “marco árabe” que contemple a cooperación de Turquía, un actor con cada vez maior dinamismo na política de Oriente Medio.

Se ben non é completamente segura unha intervención militar estadounidense e israelí contra Irán, a posibilidade aumenta na perspectiva estratéxica establecida polos últimos meses de mandato “neoconservador” de George W. Bush en Washington e a incerteza política ante posibles cambios de goberno non só na Casa Branca senón en Teherán e Tel Aviv. Pero polo de agora, a crise iraniana semella transitar polos camiños da disuasión militar.

3,5/5 (6 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...