A mais que segura elección de Dmtri Medveded como novo presidente de Rusia o próximo domingo 2 de marzo non só remata a era presidencial do seu “protector” Vladímir Putin senón que esperta unha morea de enigmas e inquietudes sobre a evolución política e social rusa a medio prazo.
Imposibilitado constitucionalmente para afrontar un terceiro mandato presidencial, Putin calcula as súas cartas políticas mediante a consolidación dun novo sistema político, con especial énfase nunha Duma fortalecida coa hexemonía do seu partido Rusia Unida.
O poder bicéfalo
Cun partido oficial forte no Parlamento, apoiado nunha sólida e elevada popularidade, principalmente propiciada por unha presidencia forte e unha economía en crecemento, Putin accederá ao cargo de primeiro ministro, reforzando o seu poder cunha presidencia afín aos seus intereses, que lle permita conservar a iniciativa política.
Esta concentración de poder nas súas mans, xunto á conformación dun partido político nacional e vertical, cun carácter ideolóxico que confire un marcado acento nacionalista, lle permitiría tamén minar o ascenso de determinados líderes rexionais así como gañar adeptos noutros sectores, como pode ser a ultradereita nacionalista, actualmente liderada polo sempre polémico Vladimir Jirinovski.
En cálculos de Putin, a hexemonía política de Rusia Unida acabaría así coa atomización parlamentaria propia da Rusia post-soviética multipartidista e con escasa fortaleza institucional. Pero a realidade obriga a considerar que este escenario contribuiría a sepultar diversos mecanismos de pluralidade sociopolítica e viabilidade democrática.
A elección de Medveded dispón unha serie de retos dende o exterior, principalmente manifestados polas críticas dende Europa e EEUU ante presuntas irregularidades xudiciais, así como as recentes decisións do Tribunal Electoral de inhabilitar a participación electoral de determinados líderes da oposición como Gary Kasparov e Mijail Kasianov.
A OSCE anunciou que non participaría como observadora nestes comicios, principalmente en protesta pola difícil situación dos líderes e partidos de oposición e a falta de transparencia política e informativa. Se critica o acoso oficial aos partidos de oposición e diversos sectores disidentes, algúns simplemente encarcerados pola forte presión do poder.
A guerra polo poder
Resulta claro que o inestable sistema democrático post-soviético, cos seus visos de pluralidade política, corre o risco de desvanecerse cara perigosos escenarios. Se ben se especula con que Medveded é un político fiel a Putin, aínda é unha incógnita a evolución política rusa a mediano prazo, a pesar da evidente consolidación do poder de Putin.
Dentro do Kremlin existe unha silenciosa loita intestina polo poder que involucra a ex axentes do KGB, agora dominadores dos servizos secretos de seguridade, oligarcas empresariais especialmente vinculados ás empresas estatais como a petroleira Gazprom, e diversos políticos ambiciosos. Un ex xeneral ruso advertiu a fins de 2007 que estas loitas intestinas poderían superar co tempo a capacidade de manobra de Putin e dar paso a unha “feroz ditadura militar” ou unha “sanguenta guerra civil”.
A extrema liberalización económica da Rusia post-soviética de Boris Ieltsin, que permitiu configurar a clase dos “oligarcas”, mantense case intacta con Putin no poder, aínda que con outros “oligarcas”, especialmente elixidos entre os seus ex compañeiros do KGB e o seu sucesor o FSB. A riqueza dos oligarcas está garantida coa evolución dos prezos do petróleo e o gas natural, principais bazas da fortaleza actual rusa: no 2007 se contabilizaban neste país 120.000 millonarios e 34 multimillonarios.
Afincados nos resortes do poder estatal e empresarial, esta elite no poder debe unha tenue obediencia ao seu “líder forte”, un arriscado compromiso tomando en conta a persistencia de diversas mafias na sociedade rusa que poden afectar os cimentos do sistema que Putin desexa consolidar.
Con Medveded como presidente “delfín” e Putin como primeiro ministro e verdadeiro factor de poder, Rusia tenta garantir un sistema político forte e consolidado, que esqueza as crónicas inestabilidades da era Ieltsin, aínda coa posibilidade de conformar unha autocracia, sen que isto signifique un aspecto esencialmente impopular.
Pero a enorme concentración de poder ameaza a fráxil institucionalidade, o equilibrio dos poderes públicoss e as liberdades civís, toda vez que pode contribuír a alimentar determinadas ambicións inesperadas dentro desa elite gobernante. Ese dilema deberá ser descifrado por Putin neste o seu segundo acto de poder no Kremlin.
Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »