A recente reunión entre representantes de Al Fatah e Hamas en Sanaa, a capital iemenita, a fin de constituír un marco de negociación tendente a propiciar novas eleccións e un goberno de unidade nacional en Cisxordania e Gaza, supón a enésima tentativa, con incertas consecuencias, destinada a superar a evidente fractura sociopolítica nos territorios palestinos.
Simultaneamente á reunión en Sanaa, o vicepresidente estadounidense Dick Cheney realizaba unha xira por Israel e Palestina, na que instaba á recuperación dos mecanismos de negociación da paz e a posibilidade de afrontar “concesións dolorosas” por ambas partes.
Resalta así a repentina conversión de Cheney como “pacificador” en Oriente Medio cando a súa visión se limitaba a impoñer un plan de hexemonía estadounidense enmarcado nunha voraz reestruturación rexional. Sen caracterizarse por afrontar unha diplomacia benévola, Cheney tenta así modificar a visión rexional do goberno de George W. Bush cun mediático acordo de paz entre israelís e palestinos, principalmente tomando en conta os poucos meses que restan de presidencia neoconservadora na Casa Branca.
Así, o éxito diplomático iemenita en propiciar o diálogo entre Hamas e Al Fatah probablemente determinará a aparición de novos interlocutores en ambos partidos, tal e como se evidenciou na reunión en Sanaa. Unhas novas eleccións presidenciais en Gaza e Cisxordania permitirían a emerxencia de políticos actualmente supeditados ao mando de Mahmoud Abbas e Ismael Haniye, respectivamente presidente da Autoridade Nacional Palestina e de Al Fatah, e ex primeiro ministro e líder do partido islamita.
Esta iniciativa en Iemen deixa clara a visión estadounidense e israelí de fomentar un goberno de unidade nacional palestino, con clara preponderancia de Al Fatah, cunhas expectativas que se cifran en dar paso a unha conferencia de paz entre 2008 e 2009. Ao igual que as eventuais eleccións palestinas, aínda sen data, debe terse en conta a situación política en Israel, ante o posible adianto electoral tomando en conta as dificultades internas do goberno de Ehud Olmert.
No horizonte político israelí planea con forza a figura do ex primeiro ministro dereitista Benjamín Netanyahu, cunha emerxencia electoral que traza incertas expectativas de cara ao proceso de negociación en curso cos palestinos.
De principio, coñécese que a posición israelí non espera modificar as fronteiras trazadas desde 1967, e rexeita un goberno de unidade con Hamas incluído. Mentres, os palestinos, esperan colocar como punto esencial da mesa de negociación a situación dos seus desprazados e as súas reclamacións territoriais desde 1948. Con este panorama, resulta complicado afrontar esas “concesións dolorosas” das que se refería Cheney.
Obviamente, colocar a Palestina no centro da palestra obriga a centrar a atención no delicado taboleiro de Oriente Medio. A estratexia occidental e israelí se orienta claramente a illar a Irán como potencia en ascenso. Pero as frontes son demasiado inestables: Líbano, Iraq, Siria e Palestina, escenarios onde Irán, EEUU, Israel e Arabia Saudita aplican un duro pulso nas súas cartas xeopolíticas.
Cinco anos despois da guerra en Iraq, cun Oriente Medio lonxe da estabilidade, en gran medida pola invasión militar estadounidense, o goberno de Bush tenta expiar as súas culpas “descubrindo” Palestina. Pero a solución probablemente estea nas rúas de Ramala, en Gaza e en Tel Aviv, dentro dun diálogo amplo e aberto que inclúa a todos os actores, interlocutores e temas pendentes.
Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »