Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Bush e Chávez

10:29 14/03/2007

Estanse a conformar novos eidos xeopolíticos en América Latina. As recentes xiras de George W. Bush e Hugo Chávez polo centro e o sur do continente confirman dúas visións e modelos que probablemente consolidarán unha nova balanza do poder latinoamericano para os próximos anos.

Resultará notorio o balance que ambos mandatarios realizarán ao final das súas respectivas xiras. Bush tentou “redescubrir” un continente afastado da súa atención desde que chegou á presidencia por vez primeira, en xaneiro de 2001. Chávez eexerceu unha variante máis popular e social, cun discurso que tentou definir as bases dunha nova integración continental e asentar o seu liderado rexional.

Pero a Bush lle esperan dous anos complicados ata o final do seu mandato en xaneiro de 2009. O control do Partido Demócrata no Congreso e o Senado dificultarán varios dos proxectos de lei que os republicanos esperan aprobar pola vía do “fast track”. Son proxectos relacionados coa aplicación continental do ALCA, a renovación temporal ata o 2014 do Plan Colombia e a aposta polo etanol como enerxía alternativa, dentro dun delicado panorama político para o seu goberno e o seu partido de cara ás eleccións de 2008.

Tampouco a conxuntura exterior favorece completamente a Bush. Entrampado en Iraq e Afganistán, illado dentro da súa estratexia unilateral que permitiu a Washington conseguir unha inédita perda de credibilidade e influencia globais aumentada pola escandalosa estratexia antiterrorista en materia de dereitos humanos, esta repentina aposta latinoamericana de Bush semella un síntoma de certa desesperación.

Mentres viaxaba por América, en Bagdad, o goberno iraquí e os representantes estadounidenses debían recorrer aos seus “inimigos” de Irán e Siria para atopar as vías de estabilización política que Bush negouse a aplicar no pasado recente. E en Washington se confirmaba un escándalo político, o Plamegate, que involucra directamente ao seu vicepresidente Dick Cheney.

Tampouco resulta crible a oferta social de Bush, defendida en Brasil, Uruguai, Colombia, Guatemala e México, cando o significado da súa xira se centrou na necesidade de reforzar eidos xeopolíticos que permitiran conter non só a Chávez senón a novos liderados e movementos sociais alternativos e opostos ás políticas de Washington.

O acordo do etanol co presidente Lula da Silva é unha evidencia da importancia que Brasil ten para o mercado estadounidense e da necesidade de diminuír a dependencia enerxética norteamericana de Venezuela e Oriente Medio. Pero as protestas respecto á aplicación destes acordos sobre o etanol poden complicar a situación política e social a Lula, toda vez que o MST e Vía Campesiña xa denunciaron a “explotación” social e agraria desta nova enerxía.

O resultado favorable máis visible para Bush estivo en Bogotá, co presidente colombiano Álvaro Uribe Vélez, para quen a visita do mandatario norteamericano e o seu frontal apoio á renovación do Plan Colombia servíronlle de respaldo político nun delicado momento, con deputados do seu partido acusados de ter vínculos con grupos paramilitares.

Resultados diferentes pode detraer Chávez da súa denominada “contraxira” que o levou por Arxentina, Bolivia, Nicaragua e dúas illas caribeñas. Con Arxentina existen importantes acordos enerxéticos que buscarán incluír ao goberno de Néstor Kirchner (que busca a reelección este ano) dentro dun eixe interno en MERCOSUR que permita a Caracas conter a Brasil e Uruguai, aparentes aliados económicos de Washington.

O acto popular en Bos Aires desvela a verdadeira estratexia de Chávez, baseada na inclusión dos movementos sociais e populares dentro dunha plataforma política continental que supere aos actuais gobernos e que lles permita ampliar os espazos de participación no poder. Neste sentido, a estratexia de Chávez non destila desesperación xeopolítica, senón que semella deseñada a medio e longo prazo.

Bolivia e Nicaragua son dous socios políticos e enerxéticos de importancia para Caracas, incluíndo a Ecuador dentro dunha estratexia andina destinada a conter a ampliación rexional do Plan Colombia. Se Bush visitou Guatemala, onde a indixenista Rigoberta Menchú pode alcanzar a presidencia nas eleccións deste ano, a estratexia “chavista” tamén visualiza unha Centroamérica afastada do ALCA e dos plans de Washington, coa Nicaragua sandinista de Daniel Ortega como vértice xeopolítico.

Pouco antes das súas respectivas xiras, Chávez acusou á CIA de aplicar plans de magnicidio na súa contra (a semana pasada foron detidos en Caracas tres militares presuntamente acusados de conspirar contra o presidente Chávez), mentres Washington criticaba a Caracas pola súa “escasa” cooperación na loita antidroga, ante o derradeiro informe da ONU sobre a represión do narcotráfico.

Con este panorama, o camiño está formulado para deseñar unha nova realidade continental que permita dirimir este inédito choque de poderes. Se ben Bush coidou de obviar a Chávez, este fixo do mandatario estadounidense a base da súa “contraxira”. Pero o pulso político non será eterno temporalmente: Bush xa non estará no 2009, pero Chávez ten por diante aínda varios anos no poder. O tempo determinará cara onde xira América Latina.


LENDA 1:
O acordo do etanol co presidente Lula da Silva é un apéndice da importancia que Brasil ten para o mercado estadounidense e a necesidade de diminuír a dependencia enerxética norteamericana de Venezuela e Oriente Medio. Pero as protestas sobre a aplicación destes acordos sobre o etanol poden complicar a situación política e social a Lula, toda vez que o MST e Vía Campesiña xa denunciaron a “explotación” social e agraria desta nova enerxía. Na foto, Bush e Lula fúndense nunha aperta durante a rolda de prensa o 9 de marzo.


PÁXINA WEB LENDA 1:
http://elobservador.rctv.net/ImgContenido/ImagenesNoticias/Lula%20y%20Bush.jpg


LENDA 2:

O acto popular en Bos Aires descifra a verdadeira estratexia de Chávez, baseada na inclusión dos movementos sociais e populares dentro dunha plataforma política continental que supere aos actuais gobernos e que lles permita ampliar os espazos de participación no poder. Neste sentido, a estratexia de Chávez non destila desesperación xeopolítica, senón que semella deseñada a medio e longo prazo. Na foto se observa ao presidente Hugo Chávez no acto celebrado no estadio bonaerense de Ferro, ante unhas 40.000 persoas, o pasado 10 de marzo.

PÁXINA WEB LENDA 2:
http://www.infobae.com/adjuntos/imagenes/67/0126752B.jpg

3,4/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...