Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Líbano: cerco a Hizbulah?

19:30 09/06/2009

Os comicios lexislativos realizados o pasado domingo 7 no Líbano salientan a importancia estratéxica dun país considerado como o microcosmos xeopolítico e relixioso de Oriente Próximo.

A falta dos resultados definitivos, que semellan outorgar a vitoria á coalición pro-occidental, antisiria e de composición basicamente sunnita “Alianza 14 de marzo”, o relevante destas eleccións lexislativas derívase da tradicional implicación de actores exteriores nos asuntos deste país, principalmente EEUU, Irán, Siria, Israel, Arabia Saudita, Francia, Exipto e, incluso, Rusia.

A tal punto se traduce esta importancia exterior que, recentemente, Washington enviou a Beirut ao seu vicepresidente Joseph Biden, sendo esta a primeira visita en 25 anos dun alto representante estadounidense a este país árabe.

Pero son especificamente os intereses estadounidenses, israelís e iranianos os que determinarían, dun xeito mais significativo, a evolución política libanesa a curto prazo. O triunfo da “Alianza 14 de marzo” foi amplamente celebrado en Washington, Riad, Tel Aviv e París, principalmente, por constituír un bloque de contención cara o inevitable ascenso do partido islamita Hizbulah, apoiado por Teherán, Damasco e, internamente, polas comunidades xiítas, alauítas e cristiáns maronitas, a maioría delas incluídas na plataforma “Movemento 8 de marzo”.

EEUU, Israel e Europa, que consideran a Hizbulah como un “movemento terrorista”, querían así evitar unha repetición do “efecto Hamas” no escenario libanés, cun Hizbulah politicamente fortalecido. Así mesmo, unha vitoria do partido islamita significaría un punto a favor de Teherán nun momento no que se xogan grandes cartas xeopolíticas en Oriente Próximo, previas ás eleccións presidenciais iranianas previstas para o próximo venres 12 de xuño.

A ambigüidade de Washington no escenario libanés para  evitar o ascenso do Hizbulah contrasta enormemente co seu tácito aval ao goberno israelí de Benjamín Netanyahu, de incluír ao partido ultradereitista Israel Beitanu, co seu líder Avigdor Lieberman como ministro de Exteriores. Lieberman avoga por unha draconiana política antiárabe e, incluso, por atacar nuclearmente a Teherán.

Non obstante, a realidade política obrigaría á plataforma gañadora, liderada por Saad Hariri, fillo do asasinado ex primeiro ministro Rafik Hariri, a negociar un goberno de unidade nacional co Hizbulah, principal partido opositor dentro do novo Congreso  libanés. Como dicta a Constitución de 1943, que tenta equilibrar o mosaico confesional e étnico no país, a presidencia libanesa seguirá en mans dun cristián maronita, co cal todo apunta á reelección do actual presidente Michel Suleiman.

Excluír a Hizbulah dun futuro goberno, tal e como defendían os partidarios de Hariri, afondaría o risco dunha innecesaria escalada de violencia política na que, directa ou indirectamente, veríanse involucrados a maioría dos actores externos con intereses no escenario libanés. Caso contrario, a negociación e a busca do consenso político significaría un paso adiante para a consolidación democrática nun país con fráxiles institucións estatais e marcado sectarismo confesional e político.

Velaí o reto que implicaría estabilizar un país como o Líbano, marcado por un mosaico de 18 confesións relixiosas e constantemente condicionado por estratéxicos intereses xeopolíticos foráneos.

3,33/5 (6 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...