Pode derivar a incursión militar israelí en Gaza nunha guerra aberta en Oriente Próximo? Co desenvolvemento da invasión militar israelí no territorio palestino, esta posibilidade estaría limitada á capacidade de reacción tanto do movemento islamita Hamas como dos seus aliados rexionais, especialmente o Hizbuláh libanés, Irán e Siria.
O exército israelí corre o risco de abrir dúas frontes de guerra tanto en Gaza contra Hamas como no sur do Líbano contra o Hizbuláh. O chamamento de levantamento popular realizado polo líder político do Hizbuláh, Nasralá, contra o goberno exipcio de Hosni Mubarak, por pechar o paso estratéxico de Rafah entre Gaza e Exipto, provocou unha inmediata mobilización de simpatizantes do movemento islamita Irmáns Musulmáns.
A desproporcionada agresión militar israelí contra Gaza, que está provocando milleiros de civís palestinos mortos ante a inxustificable pasividade política mundial, afonda unha ruptura xeopolítica en Oriente Próximo sumamente ligada aos intereses conxuntos de Israel e EEUU. Washington e Tel Aviv esperan consolidar un eixe aliado no mundo árabe, liderado por Exipto, Xordania e Arabia Saudita, países aos que o goberno de George W. Bush prometeu no 2007 un substancial aumento de axuda militar ata o 2018.
Por contra, só os gobernos de Irán e Siria amosan a súa disposición de axudar a Hamas e á poboación palestina en Gaza. Teherán amplía así as súas redes de asistencia política, financeira e militar a Hamas, mentres Damasco segue a consolidar a súa posición estratéxica como comando central tanto do movemento palestino como do Hizbuláh. Siria adopta así unha estratéxica posición política e diplomática en favor de Hamas, tomando en conta os recentes asasinatos de líderes de Hamas en Gaza por parte da artillería israelí.
O presidente exipcio Mubarak non semella disposto a aceptar a consolidación de Hamas en Gaza, fronteiriza con Exipto a través do paso de Rafah. Velaí o seu silenzo e disposición a apoiar a agresión israelí, fraguada coa visita da primeira ministra Tzipi Livni ao Cairo poucas horas antes do comezo dos bombardeos en Gaza. Non obstante, a anuencia exipcia e xordana cara Israel podería tamén incrementar o nivel interno de apoio popular cara os palestinos, especialmente por parte dos movementos islamita nestes países.
A inacción internacional favorece igualmente os intereses israelís e estadounidenses, especialmente tomando en conta a ausencia de intervención formal da ONU e Unión Europea debilitada politicamente, concentrada nos seus dilemas internos e nas secuelas en materia enerxética da xa tradicional crise de subministro de gas natural ruso a países estratéxicos para as relacións entre Occidente e Moscova, como é o caso de Ucraína.
Resta por observar ata onde chegará a ambición política de Tzipi Livni, claramente determinada por imperativos de orde electoral, tomando en conta que Israel apréstase a celebrar eleccións anticipadas, probablemente en febreiro próximo.
Orientar o campo de acción cara os falcóns da política israelí supón para Livni e o seu ministro de Defensa, o laborista Ehud Barak, unha forma de conter o favoritismo electoral doutro falcón como Benjamín Netanyahu, líder do dereitista partido Likud, que contaría co apoio dos partidos ultrarrelixiosos e nacionalistas. Polo momento, este cálculo semella outorgarlle beneficios de corte político e electoral, tomando en conta o aumento do apoio social israelí á indiscriminada agresión militar ordenada por Livni.
Irán tamén celebrará eleccións presidenciais nos próximos meses, razón pola que as posibilidades de reelección do presidente Mahmud Ahmadíneyad poden moderadamente cifrarse nun apoio oficial iraniano á resistencia de Hamas, enmarcada nunha conxuntura determinada polo pulso xeopolítico rexional entre Israel e Irán. Nada disto soluciona o drama dos palestinos en Gaza, illados do mundo mentres son azoutados pola agresión militar israelí.
Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »