É apreciable o xiro político cara as esquerdas en América Latina. A histórica vitoria de Mauricio Funes e o FMLN nas eleccións presidenciais do Salvador confirma este progresivo avance político dos partidos e movementos de esquerdas, sendo o salvadoreño un caso significativo de transición política: unha ex guerrilla que mudou a loita armada pola loita política e democrática como vía para acadar o poder.
A actual radiografía política latinoamericana da conta de quince gobernos con pluralidade de visións progresistas, socialdemócratas e revolucionarios de esquerdas, sendo só México e Colombia os países onde gobernan partidos netamente conservadores. En 2008 triunfaron para a esquerda latinoamericana Fernando Lugo en Paraguai e Álvaro Colom en Guatemala.
Incluso existen curiosos casos aparte de mutación ideolóxica e política: en Honduras, o seu presidente liberal Manuel Zelaya achégase á visión socialista impulsada polo seu homólogo venezolano Hugo Chávez, integrándose dentro da plataforma do ALBA; mentres, en Perú, o seu mandatario Alan García, da Alianza Popular Revolucionaria Latinoamericana (APRA) amosase mais orientado cara o liberalismo político e a unha estreita relación con EEUU. En Costa Rica, o socialdemócrata Óscar Arias amosa igualmente unha visión intermedia.
Prolífica axenda electoral
Este avance da esquerda hemisférica pode seguir o seu curso se Panamá, no próximo mes de maio, elixe como presidenta a Balbina Herrera, do Partido Revolucionario Democrático (PRD). Restan por observar as eleccións presidenciais que no 2010 e 2011 levaranse a cabo respectivamente en Colombia e Perú.
A axenda electoral latinoamericana en 2009 continuará en Uruguai, con comicios presidenciais en outubro que anticipan a reelección do gobernante Fronte Amplio, desta vez pendente de elixir candidatura entre o ex guerrilleiro José Pepe Mújica e o ministro Danilo Astori. Chile tamén celebrará eleccións en decembro próximo, aínda que cun duro pulso entre os candidatos da gobernante Concertación (centroesquerda) e o Partido Conservador.
En Bolivia, o presidente Evo Morales medirá de novo a lexitimidade do seu histórico proceso de cambio de cara aos comicios presidenciais en principio previstos para decembro próximo, seguindo os pasos aprobados coa nova Constitución en xaneiro pasado. Caso similar do seu veciño Rafael Correa en Ecuador, quen en abril realizará unha elección presidencial determinada pola vía constituínte, trala aprobación en 2008 dun novo texto constitucional.
Os comicios lexislativos en México previstos para o próximo mes de xullo definirán o pulso presidencial para o 2010 entre o partido gobernante conservador Partido Acción Nacional (PAN) e a esquerda con voto no Partido Revolucionario Democrático (PRD) e no Partido Revolucionario Institucional (PRI).
O feito de ser un goberno aliado de Washington e acosado pola guerra contra os carteis da droga outorgan ás lexislativas mexicanas un factor de importancia capital. Cun PAN que medirá o seu nivel de desgaste gobernamental, as divisións internas no PRD e a evidencia dun PRI en ascenso presaxian un gran momento electoral para este último partido, outrora hexemónico no mapa político mexicano.
Pola súa banda, Arxentina celebrará en outubro uns comicios lexislativos esenciais para medir a fortaleza política da presidenta Cristina Fernández de Kirchner e as posibilidades do “kirchnerismo” para encarar as eleccións presidenciais de 2011.
En medio da crise económica, das fortes disensións dentro do peronismo e a esquerda arxentina e ante a creación dunha fronte común entre diversos partidos opositores, con claro signo electoral, a presidenta Cristina K enviou recentemente unha iniciativa ao Congreso para adiantar estes comicios lexislativos a xuño próximo.
Obama, presta atención
O presidente estadounidense Barack Obama deberá tomar nota deste sensible cambio no mapa político latinoamericano, progresivamente consolidado na última década. Desde 2001, ano da chegada do republicano George W. Bush á Casa Branca, Washington afastou radicalmente a súa atención de América Latina.
En gran medida, este recente avance dos partidos e movementos de esquerdas ven definido por dúas vertentes: o fracaso dos partidos políticos tradicionais e o ascenso da sociedade civil, demandando a ampliación dos niveis de inclusión e participación política e social; e a necesidade de construír plataformas e mecanismos de integración propios e cunha visión autóctona, un claro sinal dirixido á tradicional hexemonía estadounidense.
Con só dous meses de mandato e enfrascado na resolución dunha crise económica mundial en curso, Obama semella centrar as súas prioridades en política exterior cara un espazo xeopolítico conformado dende Asia Central ao sueste asiático, con Afganistán e China no epicentro da atención.
A xuntanza de Obama co presidente brasileiro Lula da Silva, realizada o pasado fin de semana en Washington, definiu unha nova axenda de traballo hemisférica, con especial atención cara os mecanismos conxuntos de solución da crise económica e aspectos políticos específicos como a transición en Cuba e o desafío formulado polo “socialismo bolivariano” de Chávez.
Se ben Washington conta con México, Colombia e Perú como estreitos aliados hemisféricos, Obama semella mais disposto a colocar a Brasil como o actor preferente para discutir os asuntos da política e da integración rexional. Este factor resaltaría un enfoque alternativo que, desde diversas perspectivas, pode influír nas relacións estadounidenses con outros países latinoamericanos.
Obama deberá así definir axendas bilaterais e globais alternativas e de consenso dentro do contexto latinoamericano. A recente vitoria do FMLN no Salvador, exemplo do radical cambio de cariz político na rexión, debería contribuír a definir un novo tipo de relación entre Washington e América Latina.
Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »