Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

A lección de Belfast

09:58 16/05/2007

Non existen dúbidas de que sentar a dialogar e formar goberno a dous inimigos irreconciliables como o reverendo protestante, Ian Paisley, e o líder do Sinn Fein, Gerry Adams, constitúe unha audaz viraxe histórica para acadar a paz e a conciliación entre os protestantes e os católicos para Irlanda do Norte.

Como definira o primeiro ministro británico, Tony Blair, o acordo de autogoberno no Ulster “é unha lección para calquera lugar en conflito”. Velaí que a tentación obriga a comparar o proceso norirlandés co conflito en Euskadi, tomando en conta a sincronía histórica entre ETA e o IRA e o Sinn Fein e Batasuna.

En Belfast, o factor decisivo de poder para constituír un autogoberno está nas mans de Ian Paisley. Nun conflito excesivamente marcado polas pautas dirixidas dende Londres, tardáronse catro décadas para convencer ao veterano reverendo protestante, da necesidade de atopar vías de entendemento e convivencia, previo desarme do IRA e integración política do Sinn Fein.

Certificado o desarme e a desaparición do IRA e fortalecido pola vitoria electoral do Partido Democrático Unionista, DUP, nas pasadas eleccións lexislativas, o octoxenario Paisley abandonou a súa tradicional negativa a negociar con Adams para aceptar formar un autogoberno xunto a un dos seus inimigos máis odiados, o ex líder do IRA, Martin McGuinness.

Sen a presenza armada do IRA, Paisley deberá agora completar a pacificación coa desarticulación dos paramilitares unionistas da Forza Leal Voluntaria, así como moderar calquera desviación extrema do DUP, a fin de evitar a renovación das tensións relixiosas e a frustración social.

Tanto como a labor de Gerry Adams e Ian Paisley, cómpre recoñecer que gran parte deste paso histórico en Belfast foi obra de líderes como Tony Blair, o primeiro ministro irlandés Bertie Ahren e os políticos norirlandeses John Hume e David Trimble.

No caso de Blair, o seu mais enérxico impulsor desde que chegara a Downing Street en 1997, este autogoberno pacífico en Irlanda do Norte constitúe un pequeno grao de satisfacción á súa agrea e polémica despedida gobernamental, que deixa un legado envelenado polo seu apoio á guerra en Iraq, ao unilateralismo estadounidense, ao fracaso da “Terceira Vía” e, como remate, aos recentes escándalos de venda de títulos nobiliarios.

Resulta tamén significativo que a devolución do autogoberno en Belfast ocorre case paralelo ao ascenso do Partido Nacionalista Escocés nas eleccións lexislativas da semana pasada en Escocia, así como á consolidación electoral do partido nacionalista Plaid Cymru nas lexislativas celebradas tamén en Gales.

A posibilidade de celebrar no 2010 un referendo independentista en Escocia confirmaría o avance do proceso político de autogoberno no Reino Unido, iniciado en 1997 baixo o nome de “Devolution”, tamén impulsado por Blair.

 Con isto, unha nova era se anuncia no Reino Unido. Pacificación e autogoberno en Belfast, avance nacionalista en Escocia e Gales e fin da “era Blair” en Londres. Así e todo, ¿constitúe unha referencia exacta para outros nacionalismos periféricos europeos, como Bretaña, Córsega, Flandres, Euskadi, Cataluña e Galicia?

4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...