De cara ás eleccións presidenciais de 2010 en Colombia, un aspecto clave parece concentrar as enerxías do presidente Álvaro Uribe Vélez. A convocatoria dun referendo que lle permita modificar a Constitución para presentarse por segunda vez a unha reelección e a un terceiro mandato presidencial será, con total probabilidade, a gran prioridade política de Uribe para os próximos meses.
Estimase que a opción de referendo será aprobada tanto no Congreso como no Senado, o cal permitirá a Uribe sopesar con optimismo o panorama político alén do 2010. A súa popularidade segue rexistrando altos niveis de aceptación, aparentemente sen estar afectado polo escándalo financeiro das “pirámides” bancarias de finais de 2008 e determinados casos relativos á “parapolítica” que salpican ao seu goberno.
Dentro da gobernante plataforma política da “U”, increméntase a necesidade de contar con Uribe como candidato presidencial no 2010, consolidando unha unidade interna que sepulte posibles rivalidades políticas que fragmentarían a coalición de partidos que forman parte do oficialismo “uribista”. Caso contrario do opositor Polo Democrático, desgastado por divisións internas e escándalos de corrupción.
Con este contexto, Uribe repite o exemplo do seu veciño venezolano Hugo Chávez de convocar a un referendo de emenda constitucional para a reelección indefinida de cargos públicos. En Venezuela, este referendo celebrouse o pasado 15 de febreiro, gañando Chávez con máis do 54% dos votos.
Uribe e Chávez preséntanse como os únicos factores insubstituíbles e unificadores das súas respectivas plataformas, elemento que confirma a permanente natureza personalista e, incluso, mesiánica, que ambos encarnan. Non obstante, se ben no seu momento a opinión pública internacional espallou fortes ataques cara Chávez pola súa presunta vontade de manterse indefinidamente no poder, apreciase unha óptica diferente no caso de Uribe. A ausencia mediática de críticas cara Uribe reforzan as súas aspiracións.
A dinámica da reelección, definida no caso venezolano pola vía do referendo popular, parece percorrer o ámbito latinoamericano. O presidente nicaraguano Daniel Ortega anunciou a súa vontade de contar co apoio parlamentario para modificar a Constitución e presentarse a un novo período presidencial no 2011. Paralelamente, o mandatario hondureño Manuel Zelaya, tamén anunciou a convocatoria dun referendo para o próximo mes de xuño que permita convocar a unha asemblea constituínte para reformar a Constitución e poder así presentar a súa candidatura de reelección a finais de 2009.
Dentro do contexto andino, os procesos constituíntes en Bolivia e Ecuador, calcados das experiencias vividas en Venezuela desde 1999, están dando paso a próximas citas electorais presidenciais que confirmarían as posibilidades de reelección e lexitimación presidencial dos seus respectivos mandatarios Evo Morales e Rafael Correa.
Estes casos confirman a tendencia de acometer a reelección presidencial como elemento que permita manter a vixencia de determinados proxectos políticos en América Latina. Só resta considerar se esta fórmula electoral non afondará mecanismos de personalismo político que afecten á consolidación dos sistemas democráticos latinoamericanos.
Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »