Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Eleccións con nome de muller

09:46 25/08/2009

Cómpre considerar o peso do factor feminino nas candidaturas para as eleccións presidenciais brasileiras previstas para outubro de 2010. A renuncia, a semana pasada, de Marina Silva, defensora ambiental da Amazonía, como membro do gobernante Partido dos Traballadores (PT) para anunciar a súa candidatura electoral polo Partido Verde, eleva a tres as candidatas electorais brasileiras para estes comicios, un feito inédito na política deste país.

Tras ser reelixido no 2006 e por vez primeira desde 1980, o presidente Lula da Silva non se presentará ás eleccións, escenario que abre un abano de posibilidades nas candidaturas tanto dentro do PT como da esquerda brasileira. O líder opositor José Serra, do PSMB, segue a liderar as enquisas, moi por riba da candidata elixida por Lula para o PT, a súa xefa de gabinete Dilma Roussef.

En terceira posición agarda a histórica líder da esquerda Heloísa Helena, expulsada do PT en 2003 por criticar a orientación económica do partido e que, dende entón, lidera unha plataforma de partidos de esquerda dispostos a ocupar o espazo tradicional do PT. Pero o fenómeno de Marina Silva pode engadir sorpresas nos próximos meses, incrementando as súas opcións presidenciais. Incluso, diversos analistas en Brasil especulan co posible apoio de Helena á candidatura de Silva.

De ser este o panorama, as eleccións presidencias dun país clave como Brasil, potencia emerxente no contexto global, esgrimirá un pulso entre Serra e dúas mulleres da esquerda, Roussef e probablemente Silva. Non obstante, a fragmentación da esquerda da conta das dificultades de Lula para cohesionar unha plataforma unitaria contra Serra, apoiado por diversos sectores económicos e quen pode aproveitar esta debilidade política da esquerda.

Neste sentido, a exemplar carreira política de Silva, superando diversos escollos sociais, o seu énfase cara o tema ambiental e un modelo económico máis igualitario, así como o atractivo electoral que pode supoñer a súa renuncia ao PT por diferenzas sobre o tratamento do tema amazónico, son elementos que poden provocar un traspaso de votos dentro das bases do PT cara súa candidatura, como medida de descontento con Roussef e a política económica de Lula.

De consolidar o eventual apoio de Helena e do seu partido PSOL, Silva converteríase na “bisagra” do proceso electoral presidencial e, con case toda probabilidade, nun actor clave dentro do panorama político brasileiro para os próximos anos.

Está Brasil a cambiar de paradigma político? O peso dos movementos sociais poden, igualmente, alterar o curso electoral e as prioridades políticas brasileiras cara un modelo socioeconómico máis humano, cun peso específico para o aspecto ambiental. Polo pronto, con Dilma, Heloísa e Marina como candidatas, o factor xénero imponse na política brasileira dentro dun proceso electoral con inconfundible nome de muller.

4/5 (4 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...