Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

As transicións de Raúl

09:30 16/08/2007

Con pragmatismo, eficiencia e orde. Esta semella ser a premisa de Raúl Castro, actual presidente en Cuba, un ano despois da transmisión temporal de mando realizada polo seu irmán Fidel Castro. Raúl amosa unha inconfundible solidez, asentado por unha lexitimidade social que comeza a observalo como o sucesor natural do seu irmán.

Nos seus escasos discursos neste ano de goberno transitorio, Raúl Castro deliñou determinadas prioridades específicas que confirman a súa acertada visión da realidade cubana. En gran medida, estas necesidades se centran en apuntalar a “eficiencia produtiva” nos sectores agropecuario e industrial, e en ofrecer unha apertura de relacións con EEUU.

Neste sentido, Raúl busca persuadir a Washington de cambiar a súa política con respecto a Cuba, apartado no que conta cun aparente consenso oficial. Tanto no seu discurso en Camagüey en decembro de 2006, na celebración do 50 aniversario da creación das Forzas Armadas Revolucionarias (FAR), así como o do pasado 26 de xullo, Raúl Castro apuntou a necesidade de abrir novas perspectivas de relación con EEUU que, indubidablemente, estarían determinadas pola necesidade dun cambio de enfoque dende Washington.

Ambos discursos poden ser analizados como os marcos constitutivos de referencia para os próximos anos sobre o proceso de transición que está a experimentar Cuba e o papel que Raúl Castro espera cumprir neste sentido.

Os eidos prioritarios

Mudando levemente os actores, a estrutura de poder imperante desde xullo de 2006 confirma a Raúl como o líder visible dentro dunha dirección colexiada onde Fidel aporta a súa visión ideolóxica.

O respaldo político a esta transición está asegurado coa consolidación de diversas figuras, como o vicepresidente Carlos Lage, o presidente da Asemblea do Poder Popular, Ricardo Alarcón, o ministro de Asuntos Exteriores Felipe Pérez Roque e o portavoz do despacho presidencial, Carlos Valenciaga.

Xunto a estas figuras, a solidez institucional e a lexitimidade social emanadas das FAR e do Partido Comunista de Cuba (PCC) garanten a viabilidade deste proceso transitorio e das hipotéticas reformas futuras.

Diversas medidas económicas adoptadas por Raúl confirman a necesidade oficial de apuntalar a economía como a prioridade máxima para o actual goberno, por riba de calquera inquedanza derivada das presións exteriores cara unha inmediata apertura política, a mellora da situación dos disidentes políticos e da problemática dos dereitos humanos, tal e como se pretenden primar, principalmente, dende Washington.

A cancelación da débeda estatal cos agricultores cubanos, o aumento dos prezos que o goberno lles paga aos produtores de leite e carne e a autorización para importar televisores e vídeos, son medidas específicas que Raúl tenta barallar como alternativas para mellorar as condicións socioeconómicas dos cubanos, especialmente ante a crónica e crítica escasez de artigos de primeira necesidade.

O cadro económico cubano pode mellorar tomando en conta o seu sorprendente boom petroleiro e a ampla asistencia enerxética enviada desde Venezuela. O propio vicepresidente Carlos Lage declarou que o seu país xa produce “cerca da metade do petróleo e gas que consume”, co cal tenta diminuírse a excesiva dependencia enerxética exterior. Cuba consume un total de 180.000 barrís e a súa produción atinxiu os 85.000 barrís diarios no 2006.

Sen abusar excesivamente nos seus breves discursos dos temas políticos e ideolóxicos, Raúl esfórzase en remarcar unha actitude pragmática e eficaz, en aparencia, correspondendo coas especulacións sobre a súa preferencia polo modelo chinés. En consecuencia, o “modelo raulista” busca identificar os problemas máis urxentes da sociedade cubana, tentando superar problemas endémicos como a corrupción, a burocratización e o inmobilismo.

A súa autocrítica radiografía sobre a realidade cubana realizada no discurso do pasado 26 de xullo permite a Raúl abrir unha xanela cara un cambio ordenado e pausado, sen prometer “solucións máxicas” a curto prazo.

O seu ofrecemento a Washington para abrir unha rolda de negociación o obxecto de “poñer fin a medio século de inamizade e sancións”, semella dirixir a súa mensaxe cara o próximo goberno estadounidense, no caso de que o Partido Demócrata retorne ao poder no 2008, e supón un sinal de cariz positivo dirixido aos empresarios estadounidenses, ansiosos por conseguir oportunidades oficiais de investimento na illa caribeña.

En xullo pasado, o Congreso estadounidense, con ampla maioría demócrata, aprobou unha emenda destinada a eliminar os obstáculos aos pagos de Cuba polas exportacións de produtos agrícolas estadounidenses á illa. Esta emenda reverte unha medida adoptada polo goberno de George W. Bush no 2005, de cobrar a Cuba por anticipado as exportacións agrícolas estadounidenses.

A hora dos reformistas?

Paralelamente, nos derradeiros meses, Cuba está experimentando un amplo debate social sobre asuntos considerados anteriormente como marxinais, tales como os dereitos dos homosexuais, das minorías raciais e a violencia machista.
Este debate pode configurar unha necesaria apertura de ideas que suavice o esaxerado nivel ideolóxico do discurso oficial e informativo, así como propiciar o ascenso dunha nova xeración política, comprometida cos valores revolucionarios pero cualificada en medios internacionais como “reformistas” .

Desde esta perspectiva, a poboación cubana semella asociar a Raúl Castro como o impulsor deste proceso reformista. Polo tanto, non deixa de ser relevante e significativo que a súa propia filla, Mariela Castro Espín, directora do Centro de Educación Sexual e impulsora de iniciativas cara as minorías sexuais, acapare repentinamente o centro da atención pública internacional no relativo ás futuras reformas a acometerse en Cuba.

Aos seus 45 anos, Mariela Castro Espín é considerada como unha figura visible da presunta “xeración reformista”. En declaracións a medios internacionais, a filla de Raúl explicou que Cuba está preparada para un proceso de “transformacións necesarias, con ou sen Fidel” destinada a evitar escenarios caóticos para Cuba.

Este proces,o ven sendo recoñecido no exterior como un cambio necesario e esperanzador. A secretaria xeral de Amnistía Internacional, Irene Khan, declarou recentemente a súa disposición a abrir un “diálogo construtivo” co goberno de Raúl Castro, nun asunto tan delicado como os dereitos políticos dos disidentes na illa.

Khan recoñeceu a mellora nos dereitos económicos e sociais en Cuba, pero asegurou que “o problema en Cuba está nos prisioneiros por cuestións políticas e ideolóxicas e nos disidentes”.

Tímida pero firmemente, as pretendidas reformas de Raúl poden configurar escenarios mais definidos sobre o futuro de Cuba a curto e medio prazo, apuntalando os sectores económico, social e as relacións exteriores como os puntais destas reformas.

Con isto, Raúl desestima unha inmediata apertura política en Cuba que, na súa perspectiva, pode que comece a transitar con razoable lentitude e seguridade mais a medio e longo prazo, cando unha nova xeración política “reformista” estea en disposición de asumir o mando.

4,25/5 (4 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...