Só había unha cousa que me interesase tanto coma o resultado na final da Copa do Rei do mércores entre o Athletic de Bilbao e o F.C. Barcelona, e ese era o intre do himno de España antes de comezar o partido, e a reacción dos siareiros cando soara.
Fixérase, desde diversos sectores das afeccións de Athletic e Barça, un chamamento a boicotar o himno español. No caso da plataforma Esait, defensora da oficialidade das seleccións vascas, propuxérase recibir ese himno de costas aos Reis e asubiando. Milleiros de persoas compartían comigo a incerteza do que ocorrería e agardaban a que a realización da Televisión Española nos ofrecera boas imaxes e son ambiente, pero xusto cando soaron as primeiras notas, desde estudos centrais decidiuse conectar con outros escenarios e non houbo himno.
TVE pediu disculpas e sinalou que todo se debeu a un erro humano. Certamente, sempre hai marxe para o erro e ata nas mellores casas pasan estas cousas pero, sen querer ser mal pensado, xa é causalidade que ese erro se dea nun partido no que xogan vascos e cataláns, co risco de que o himno sexa rexeitado maioritariamente, e coa presenza dos Reis de España no palco incluida. Non meu arquivo non figura ningún “erro humano” que causara a omisión do himno español cando xoga “La roja”. Máis ben afínase para escoitar con nitidez como a afección española tararea o himno sen letra, e transmítese adecuadamente aos xogadores que se cadran en homenaxe ás súas notas.
Tras desculparse, déronnos o himno no descanso, canda os habituais spots de coches e seguros varios. Algo así como o retardo co que se retransmite a Super Bowl nos Estados Unidos para evitar escenas como a da teta de Janet Jackson. En realidade, deuse cando xa se comprobara que non houbera nada máis que son de vento por parte dos siareiros. Nada máis e nada menos. O himno non gustou, e poucos o seguiron con respecto. Por que? Pois porque moitos identifican ese momento cos atrancos que se poñen ás seleccións que, no caso dos vascos, son demandadas maioritariamente por parte dos xogadores; porque se interpreta que eles, os do Athletic e os do Barça, só son españois cando interesa. O resto do tempo son polacos, catalufos, etarras ou putosvascos, como lles cantan domingo tras domingo no Bernabeu.
Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".