Empregarei as siglas TAV (Tren de Alta Velocidade) para me referir ao proxecto ferroviario que na maioría de medios é coñecido como AVE (Alta Velocidade Española), porque non creo que polo feito de que sexa española a velocidade vaia ser maior, e porque aves tivemos abondas en Galiza durante quince anos. Feita esta precisión, non deixo de preguntarme por que se pretende trasladar a crenza de que unha vez que o País estea conectado con Madrid polo TAV desaparecerán os nosos problemas de comunicacións.
O proxecto do TAV en Galiza podería estar operativo no 2012 (a broma non é miña, eu leíno nos xornais), e unirá o eixo atlántico con Portugal en traxectos de pasaxeiros e mercadorías, e noutro ángulo ligará tres cidades coa Meseta. É este un proxecto clave para o progreso da cidadanía galega? Os países europeos punteiros en dependen do tren, pero estou seguro de que o TAV por si só non amañará moitas das eivas que temos.
Unha das prioridades de calquera administración galega debería ser a de rebaixar as taxas de mortos nas estradas. Iso é capital porque está a levarse vidas de rapaces e rapazas a presas noite tras noite. Galiza ten moitos atrancos derivados da súa dispersión poboacional, unha peculiaridade que nos fai depender –abusar nalgúns casos- do coche seguido e imposibilita manter de xeito aceptable as infraestructuras viarias. Se engadimos prácticas e costumes enraizadas como a paixón pola velocidade e a minusvaloración do risco do consumo de alcol, as estatísticas de accidentes son esmagadoras.
Por iso, boto en falla un verdadeiro debate sobre o tren en Galiza. O TAV emprégase para facer titulares barateiros nos actos dos partidos, pero poucos din que un tren rápido ten que complementarse cun ferrocarril que sirva para moverse polo país internamente. Haberá xente que viaxe a Madrid ou a Soria con asiduidade, pero a maioría de nós queremos ir da Coruña a Santiago ou de Ferrol ás Pontes en transporte público varias veces ao ano. E só temos a alternativa do coche particular xa que dentro de pouco nin autobuses haberá.
O impacto visual e ecolóxico do TAV será irremediable, e de non traballarse o proxecto dun xeito serio e con visión de futuro podería resultar inútil aos poucos anos de terse rematado. Estamos a tempo (as promesas de posta en marcha non as cre ninguén) de abrir un espazo de reflexión para vertebrar o país internamente grazas ao ferrocarril para despois aproveitar as oportunidades que nos dea esa rede para conectármonos cos máis. Non parece que en Madrid nos boten moito en falla, poderán agardar a que fagamos un bon TAV.
Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".