Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

Xuízo ao lehendakari

20:35 13/11/2007

A caverna xudicial instalada no Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco decidiu abrir xuizo oral contra o máximo representante do Pobo vasco, o lehendakari Juan José Ibarretxe, por ter mantido unha xuntanza política con tres representantes da esquerda abertzale. O caso, que vai camiño de ter dimensións xigantescas, tamén afecta a dous representantes do PSE-PSOE e a cinco da ilegalizada Batasuna.

O xuiz instructor dá a razón a dous pequenos colectivos de extrema dereita, o Foro Ermua e Dignidad y Justicia, ao apuntar que nos podemos atopar ante un delicto de desobediencia porque Batasuna é un partido ilegalizado, o e papel de Ibarretxe, Patxi López e Rodolfo Ares foi o de cooperador necesario para lle dar cobertura a unha actividade política prohibida. Pero ninguén dubida de que hai un pulo político evidente neste proceso. O Tribunal Supremo dictaminou que as xuntanzas do Goberno español con ETA para buscar a paz forman parte da acción executiva, e esta non se pode someter a causa penal. O xuiz Garzón emitiu un auto semellante, no que lembraba que a fin última desas xuntanzas era buscar a paz en tempos de alto o fogo. Carod Rovira foi absolto pola xustiza española cando outros ultras o denunciaran por se xuntar con ETA nun lugar non indeterminado (o de Perpinyà só o dixo o ABC, pero ninguén recoñeceu que fora alí aquel encontro), e así varios exemplos máis de que a razón democrática e a razón xudicial non son o mesmo en España desde hai tempo.

Trinta anos despois da morte do dictador, os poderes fácticos van esmorecendo: á Igrexa só lle fai caso unha minoría extrema; o exército xa non representa ao españolismo máis abafante pois moitos dos soldados son inmigrantes e, miren por onde, a Xustiza convírtese na Gran Reserva Espiritual da dereita máis retrógrada.

O 80% dos representantes dos vascos están enxuizados de xeito inxusto, incomprensible, e a solidaridade non existe. Apenas uns pronunciamentos desde Galicia, os agardados, pero nada oficial desde a Xunta, nin a Generalitat nin Andalucía... De Madrid hai moito tempo que non agardamos nada, pero sinceramente algúns críamos que as xentes progresistas tiñan aínda uns principios claros polos que loitar, e que o demostrarían en ocasións coma esta. A ver se é verdade. Serían benvidos, porque á hora de criticar proxectos políticos nacionalistas son os primeiros para levarlle a dianteira ao PP. Deben lembrar que dous compañeiros seus poden ser inhabilitados.

4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións