Reclamábame algún dos lectores do Vieiros a semana pasada que me mollara, que a realidade “é dura” tras a noite do 1 de marzo, e que eu debía dicir algo. Ben, para iso estou, supoño. Heino facer, en varias entregas, sobre Galiza e tamén sobre a realidade que me toca directamente, que é a vasca. Sobre a galega, centrareime hoxe no futuro do BNG, un proxecto fundamental para a diferenciación política de Galiza coma País, á marxe de que se estea ou non dacordo coas súas propostas, que iso é outra película. De non existir o BNG, teríamos un Parlamento bipartidista e un sistema moito máis aburrido. Así que o BNG é necesario para a propia supervivencia da realidade político-institucional galega.
Ao Bloque chegoulle a hora de decidirse. Trátase dun proxecto político aínda novo pero xa maior de idade e, polo tanto, na busca da súa madurez. Sei que me han caer paus polo que vou expoñer, pero así o creo. O BNG ten que decidir que quere ser de maior: quere ser ERC, e aproveitar as poucas oportunidades que lle dá a historia, ou quere ser CiU e xogar a dúas barallas en función das necesidades? Os líderes do nacionalismo deberían aspirar a ser hexemónicos no País, e non o caxato no que se apoia o PSdeG. E iso non se acada facendo o que facía Fraga: nin bailando nas festas populares, nin comendo cocido nas festas nin enchéndose de complexos á hora de gobernar.
A cúpula e a base social do Bloque poden consolarse afirmando que a suma de socialistas e nacionalistas supera en votos ao PP, pero a realidade é que teñen 12 escanos, catro anos na oposición e un horizonte como para saír a rolos da vindeira cita electoral. O BNG non pode estar sempre sumándose ao PSdeG, porque calquera día o PSdeG decidirá, como hoxe fai en Euskadi, que lle convén acordar co PP, e entón o Bloque ficará fóra de xogo. A experiencia di que ser socio do socialismo sae caro: de gobernar Vigo, Ferrol e Pontevedra acabaron só con Pontevedra e en precario. No resto das cidades son o socio menor, sen moita aspiración a mellorar.
A sociedade galega é diversa e haino que asumir. A defensa dun proxecto deseñado a comezos dos oitenta xa non pode ser o elemento central que defina unha política global, porque iso conleva renunciar de facto a unha porción grande do electorado, e os partidos preséntanse ás eleccións para gañar e gobernar. Xa sei que moitos me poñeredes a parir, pero as cousas son así. O meu grupo de amigos nas Pontes ten unha porcentaxe de galegofalantes de dous de vinte. O reto non é penetrar no electorado de Fraga a toda costa, o reto é conectar cun novo tipo de elector que vive a política de xeito non paixonal, que é capaz de mudar de voto en función das circunstancias e que pode sentir Galiza coma calquera outro a pesar de non falar galego as 24 horas do día. Gobernar catro anos e perder apoio popular obriga a unha reflexión, quen queira, quen non.
Pódese gañar a opinión pública desde o nacionalismo sen facer nacionalistas a todos os cidadáns: propoñendo con audacia e naturalidade os proxectos aos que se aspira. Fixádevos senón no Scottish National Party, que goberna Escocia por vez primeira, e que ha acadar a independencia sen estridencia ningunha.
O martes cumpríronse 65 anos da publicación do Sempre en Galiza de Castelao. Empregaba argumentos sólidos de xeito brillante para crear o nacionalismo galego do século XX. Pero estamos noutro momento. O nacionalismo galego precisa un renovado Sempre en Galiza para erguer un novo proxecto se quere aspirar a gobernar o País, e non apoiando a un socio maior, senón en solitario. Nin todo está inventado nin Galiza “é como é e non hai que lle facer”. Hai, e moito.
Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".