Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

Defender o español

09:00 23/01/2008

Hoxe erguínme máis tranquilo. Hoxe sinto que teño máis dereitos. Hoxe respiro máis liberdade ca onte. Hoxe falo con máis ledicia e as palabras saen da miña boca con máis forza, porque hoxe sei que se Mariano Rajoy é Presidente do Goberno español, terei garantizado o meu dereito a me expresar en español en todos os recunchos de España. Tamén en Euskadi, Galicia e Catalunya onde, segundo contan, antes non se podía.

Garantizaré por ley el derecho a utilizar y a aprender el castellano en todas las etapas del sistema educativo en toda España" (Mariano Rajoy).

"Ha llegado el momento de evaluar el efecto de décadas de políticas de supuesta normalización, y de aportar las propuestas de reforma que aconsejan tanto la experiencia pasada como el futuro que preparan unos nacionalismos radicalizados, intervencionistas e insensibles a las exigencias del respeto a la pluralidad, la igualdad y los derechos inderogables de todo ciudadano español" (José María Aznar).

  1. Garantizaré”: señor Rajoy, garantiza vostede que eu terei dereito a educar aos meus fillos en galego se así o desexo? Ou o único que me garantiza é que lles poderei ensinar o idioma na casa, como mo aprendeu a min a miña mai, porque na escola e no instituto só recibía dúas horas de galego de dez horas lectivas totais?

  1. Supuesta normalización”: señor Aznar, cando fala desa suposta normalización, está a recoñecer que as políticas desenvolvidas polo seu partido cara a normalizar o galego non serviron para nada, e que se dilapidaron centos de millóns de euros para que hoxe, ao chegar a un estamento público, eu sexa atendido en español a pesar de demandares atención en galego?

  1. Nacionalismos radicalizados”: nesa cualificación, señor Aznar, entra o seu exacerbado nacionalismo español, ou só entran aí o vasco, o catalán e o galego?


Podería enunciar outras cantas preguntas dándolle a volta aos argumentos que emprega o Partido Popular, pero como sei que non han respostar, evito gastar tempo. O PP leva oito anos costa abaixo e sen freos, e xa lle dá igual todo: o Himno, a bandeira, a lingua, os mortos do 11-M, a economía, as víctimas de ETA, os homosexuais, a educación, os nacionalistas periféricos… É o mesmo. Só importan os votos. Non podo dicir que me sinta sorprendido ante esta nova vaga de españolismo idiomático uniformizador por parte da cúpula da dereita, pero si ante a feble resposta do resto da clase política e de parte dos colectivos sociais. Hai tres décadas que se alcanzaron algúns acordos en cuestións básicas e que se pensaban superadas que agora o PP está masacrando. Que un home nado en Galicia que non fala unha palabra de galego diga que o español corre perigo non é xa un argumento trampulleiro, é una trola.

E iso lévame a concluir que o PP saíu do goberno español mentindo, saíu do Goberno da Xunta mentindo e agora quere retomar o poder a base de trolas. Non son admisibles estes comportamentos. Antes o galego era una cuestión situada fóra do debate político, excepto por grupos minoritarios, e a súa preservación dependía en boa medida dos difíciles consensos acadados no Parlamento; hoxe, coa situación política actual, o galego é presa de discusións maniqueas, onde o español se identifica con democracia e liberdade e a lingua que nos identifica como País vese asoballada e unida a imposicións.

A sociedade galega, sexa galegoparlante ou non, debe poñer pé en parede: a lingua está nunha posición demasiado inferior se atendemos a criterios como o seu emprego nas rúas e nos medios de comunicación como para que, aínda por riba, veñan Aznar e Rajoy a garantir dereitos que xamais foron cuestionados. Non gastarei forzas en pedir un pacto político polo galego, hai tempo que deixei de ser inxenuo, só agardo que as urnas logren o que o sentido común non puido facer.

4,75/5 (60 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións