Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

A necesaria derrota do PP

14:00 08/02/2008

Hai algún anos, o prestixioso avogado Txema Montero publicou un artigo titulado "A necesaria derrota de ETA" que supuxo un punto de inflexión dentro do nacionalismo vasco por varios motivos: o primeiro, que estaba asinado por un ex militante de Herri Batasuna que chegara ser eurodeputado por esta formación logo de acadar un dos seus mellores resultados históricos nunhas eleccións; en segundo termo, porque o nacionalismo vasco sempre apostou por un final dialogado da violencia en Euskadi como única garantía para chegar a una paz xusta, duradeira e que solucionase o conflicto político vasco logo de varias décadas de sufrimento. Recollo hoxe a súa idea para apuntar a necesidade doutra derrota: a do PP.

Debo confesar que o título deste artigo e o seu contido son algo que xamais me plantexara afirmar ou deixar por escrito, dado que nunca me sentín capacitado para incitar a nada a ninguén. Partindo da defensa e o respecto total á pluralidade política, asumindo que o Partido Popular é a primeira forza galega, e que está na loita por gobernar de novo España, afirmo que a súa derrota o vindeiro 9 de marzo é absolutamente necesaria para a convivencia democrática e para o desenvolvemento das liberdades individuais e colectivas. Unha victoria do Partido Popular sería letal para o funcionamento dos aparatos do Estado e as súas institucións.

Un goberno do PP validaría un comportamento político abafante na segunda lexislatura Aznar (Prestige, Iraq, laminación da disidencia política, concentración de medios privados e manipulación descarada dos públicos, reafirmación e apropiación dos símbolos do Estado español excluindo a pluralidade identitaria, etc.) e recoñecería como lícita un xeito de facer oposición non admisible en calquera dos países do noso entorno europeo. É necesaria a derrota do PP para que a historia poida xulgar a aqueles que puxeron paos nas rodas dun proceso de diálogo que buscou rematar para sempre coa violencia política en Euskadi.

É necesaria a derrota do PP porque mantivo secuestrado durante catro anos ao Poder Xudicial, sen permitir a súa necesaria renovación para manexar ao seu gusto a determinados sectores que frenaron, mediante sentenzas, o avance social e político. O PP empregou a una parte da Xustiza para gañar nos tribunais o que non gañou unas urnas. É necesaria a derrota do PP para que pague por intoxicar durante tres anos o acontecido nos atentados do 11-M en Madrid, humillando a aquelas víctimas.

É necesaria a derrota do PP polo seu comportamento servil cos poderosos –Bush, Blair, Israel…- e hostil cos débiles. Por tratar de enfrontar aos españois con Catalunya como única maneira de opoñerse a un Estatut que fora aprobado polo 90% do Parlament. Por estar directamente conectado coa cúpula eclesiástica, a mesma que di a quen se pode e a quen non votar, a mesma que alimenta una cadea de emisoras que cuspe cada mañá (e cada tarde, e cada noite) sobre os valores históricos do Evanxeo, e mancha o nome de milleiros de persoas que traballan desinteresadamente polo ben común nos recunchos máis míseros do planeta.

Dereitos sociais
É necesaria a derrota do PP por se opoñer durante catro anos en solitario a políticas de extensión de dereitos sociais que igualaban en recoñecemento a mulleres, homosexuais ou inmigrantes; por antepoñer linguas estranxeiras antes que as propias, ás que ven tratando con desprezo sistematicamente; por empregar a mentira e a ocultación á hora de xestionar recursos públicos (Gaias, urbanización masiva e irregular na costa galega) e por seguir conectado co franquismo histórico e sociolóxico, tal e como confesaron Mayor Oreja ou Fraga Iribarne sen complexos 33 anos despois da morte do dictador.

Hai que derrotar ao partido que dixo que “votar a calquera que non sexa o PP será votar porque ETA volva ás institucións” (Aznar), ao que acusa a PNV, EA, BNG, ERC e PSOE de dar soporte a ETA, ao que sinalou que os gais son fillos de pais “hostís” e “alcólicos” (Aquilino Polaino), ao que enganou dicindo que o “colapso nas urxencias dos hospitais débese a que os inmigrantes descubriron a grandeza do sistema sanitario” (Cañete), que o 11-M fora obra de ETA e dunha conspiración policial controlada polos socialistas, aos que fixeron que os mortos votaran en Galiza, aos que dixeron que a política lingüística da Xunta era semellante á do franquismo (Núñez Feijoo), ou que o franquismo foi un tempo de “extrema placidez” (Mayor Oreja), que había armas de destrucción masiva no Iraq…

Sería una catástrofe una victoria deste partido. Porque digo eu que se a Conferencia Episcopal Española pode facer “recomendacións morais” para orientar o voto, calquera de nós poderá facelo, ou?

4,87/5 (39 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións