Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

Os Eisidisí

10:45 09/04/2009

Nin as maniotas nas pernas, nin a dor nas costas de mover as guedellas, nin o comechón na gorxa da afonía, nin a mágoa porque un kalimotxo deitado por riba miña por un descoñecido nunha avalancha fan que se me vaia o sorriso. Por que son AC/DC unha das cinco mellores bandas de Rock do mundo? Son os mellores músicos? Non. Os máis guapos? Quita! Teñen ao guitarrista máis virtuoso ou ao cantante con mellores cualidades? Tampouco. Entón, que carallo teñen AC/DC?

O sábado pasado tiven a oportunidade de velos en directo no BEC de Barakaldo e podo asegurarvos que foron dúas das mellores horas que pasei en moito tempo. Tiña moitas dúbidas do que ía acontecer, porque as dúbidas xurden cando hai sobredimensión nas expectativas e, sobre todo, intrusismo. A que obedece esta febre por ver a AC/DC en xentes que xamais lles prestaron atención? Quizais é que o poder de convocatoria empuxa aos “modernos” a deixar de darlles as costas aos australianos de orixe escocesa. Non sei.

Sexa o que sexa, fun coméndome unha dúbida tras outra a medida que avanzaban os minutos de espectáculo. Porque AC/DC é puro espectáculo. Unha festa rockeira que explica, entre outras cousas, por que aínda non hai quen colla a testemuña dos máis grandes do xénero musical que, por riba de crises económicas, mediocridade cultural e pasividade dos grandes medios, segue movendo masas de siareiros comprometidos cun movemento contestatario e rebelde. O único que mantén aceso o facho do inconformismo. O Rock Duro.
Cando estoupa a pirotecnia e soa “Rock N’ Roll train”, e albiscamos entre os centros de cornos a Angus Young bailando como só el sabe, un entra nunha dimensión paralela. Sae Brian Johnson, un  tipo de 61 anos, entona as primeiras notas erguendo os brazos, e 16000 gorxas, as dos VIPs incluidas, fan os coros á vez que brincan. Mira! Pero se son eles! “Son de verdade!”. Berra un home de 50 anos ao meu carón. Vexo a amigos fundirse en apertas de incredulidade e felicidade. Para moitos de nós é a primeira vez, e pode ser a última.

“Ta-tarará-tarará! Ta-tarará-tarará! Tarán-tarán-tan! Back in black!… A perneira dereita do meu pantalón sofre as rozadas da púa imaxinaria, e non dou creto ao ollar a unha parella que mira o escenario coma se estiveran no cine. Esas dúas entradas merécenas moitos dos que ficaron fóra, fans dos de verdade. Unha amiga miña di que a música de AC/DC é perfecta para facer determinadas actividades, e aínda que eu xamais o pensara, algo debe de haber, porque Johnson presenta “The Jack” como a historia dunha “muller sucia”. O ritmo deste tema bluseiro é seguido por unha loira que está detrás miña con suxerentes movementos pélvicos, e eu pregúntome se estará a pensar o mesmo que a miña amiga. Menos mal que son feos os de arriba.

A verdade é que algo teñen estes homes. Ollo as bancadas e ninguén está sentado. A media é duns 35 en adiante, pero hai novos e moitos máis maiores. Hai incluso nenos cos seus pais, alucinando coa campá de “Hells bells”, coa boneca inchable de “Whole Lotta Rosie” e cos canóns de “For those about to Rock we salute you”. Canto tardarán en ver a outro grupo semellante… Non dan pechado a boca cando Angus percorre o escenario e sobe a unha pasarela para facer un solo de guitarra revirándose no chan, axeonllado ou cos cornos na testa. Como nos manexa: “parade”, paramos. “Brincade”, brincamos. “A bailar!”, veña. “Let there be rock”.

Cando agarima as cordas da guitarra coas primeiras notas de “You shook me all night long” sinto estar no ceo. Só son 3 minutos 30 e bailo e berro porque ao mellor xamais volvo a escoitar esta maxestosa peza en vivo e en directo. Se se achega un pouco máis Angus escoitará como berro o bis. Frea dous minutos, neno, aínda falta a do inferno. Saen do escenario uns segundos e o balbordo é unánime “oe, oe, oe”. Mira, aí vai, o lume. Tarará tarará tarará tarará ta tará… Livin’ easy, lovin’ free… Puños ergueitos, cornos enriba. Que pasada.

Non sei que teñen, pero non deberían morrer nunca. Cumpriron as dúas horas e fóronse. E nós co sorriso na cara. Aínda me dura. Os Eisidisí, tío. Aos teus pés, Angus. Para sempre.

4,33/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións