Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

E Zapatero?

10:15 27/03/2009

Lembro coma se fora hoxe como vivín a fin de semana do 13 e o 14 de marzo de 2004. 48 horas despois dos atentados de Madrid, e aclarada a dúbida de se sería ETA a autora dos mesmos, asistía abraiado á campaña de intoxicación deseñada por Aznar en Moncloa coa axuda da súa Brunete mediática. Pensei que se gañaba o PP as eleccións, España pasaría a converterse en Venezuela. Por sorte, perderon. E alá chegou un home novo á Moncloa do que tiñamos escasas referenzas.

Rodríguez Zapatero presentouse na Moncloa cun sorriso e varias promesas de difícil cumprimento. Mais axiña gañou credibilidade. Retirou ao exército español do Iraq desafiando aos Estados Unidos e ao nefasto Bush. Impulsou leis pola igualdade entre homes e mulleres, e accedeu a revisar o encaixe de Catalunya en España a pesar do custe que supón mencionar o caso catalán nunha sociedade tan pouco afeita a aceptar a diversidade. Deu un paso adiante ao estender dereitos aos homosexuais. Declarou prioridade absoluta a atención ás persoas dependentes e mimou aos maiores. Empuxado polos seus antecedentes familiares, quixo revisar a impunidade franquista e, incluso, fixo un intento serio por acadar unha paz xusta e duradeira en Euskadi. Todo iso en catro anos. Non todos, pero moitos pensaban que era o máximo que podían agardar dun Presidente do Goberno español os que cren noutra España posible.

Pero pouco a pouco Zapatero comezou a seguir as consignas daqueloutros que opinan que máis vale baixar o pistón non vaia ser o demo. Enfriou a Lei de Memoria Histórica ata quitarlle a Memoria, abandonou a idea da “España plural” para defender a España “unida y diversa”, deixando na cuneta a ERC e traizoando a CiU, tronzando o Estatut. Enganou a ducias de milleiros de navarros que, despois de moitos anos, entregaron o seu voto a un cambio que se prohibiu desde Ferraz para perpetuar á dereita. Tatexou á hora de afrontar reformas en Galiza, e ollou como a vaca ao tren cando a crise económica comezou a engulir postos de traballo. Primeiro non había crise, e despois estabamos mellor reparados ca os máis para afrontala. Deformou a realidade, como fixo Aznar nos seus peores tempos.

A “mudanza política” que prometera en marzo do 2004 remata agora, cando o socialismo vasco, un dos máis obreiros da historia, lle entrega as chaves da lehendakaritza ao PP a través de Patxi López, a pesar de que a dereita vasca é a máis conservadora do Estado. Mentres, Zapatero fica cada día máis só no Congreso. Pero iso non é o peor. O peor é a sensación que existe de que perde creto social a presas cada día. Non se lle ve proxecto e xa non seducen as súas ideas.

Sabe alguén onde vai Zapatero? Sabe alguén que vai vir despois del?

4,8/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións