Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

Coiteladas no PP

10:00 14/05/2008

Non vexo a razón pola que deba ocultalo: sigo con interese e cun certo sorriso a fraticida guerra aberta no Partido Popular. Non é que lle desexe o mal a ninguén, pero unha cura de humildade non lle vai mal a una formación que se adicou durante anos e anos a aldraxar a aqueles que discrepaban politicamente do seu proxecto. Disque todo se paga e debe de ser certo. Non hei de tirar de lista agravios porque non é o caso, pero si quixera facer algunas consideracións ante a xogada de acoso conformada ao redor de Rajoy por aqueles que hai mes e medio compartían tribuna, sorrisos e discursos con el.

A coitelada que lle acaba de dar María San Gil parece que será letal para o seu pretendido liderazgo no vindeiro congreso de Xuño. A líder vasca é un referente no PP polo seu papel en Euskadi baixo a ameaza de ETA, ela mesma se declara “filla política de Mayor Oreja” e tiña de padriño a Aznar – o único xeito de medrar no PP-. Con Oreja comparte algúns principios ideolóxicos: a loita contra ETA e contra o nacionalismo, e unha traxectoria semellante porque ningún dos dous gañou xamais unhas eleccións. Cando eran candidatos á alcaldía de Donostia volteounos Odón Elorza (PSE), e como candidatos a lehendakari só viron de lonxe a estela de Ibarretxe. Pero o PP é así: conta máis ser antinacionalista que acadar votos. E así lles vai.

No movemento de San Gil hai cousas que non encaixan: vai de valente pero aínda non deu a cara; fala o seu contorno de “diferenzas ideolóxicas” pero a ponencia é básicamente leña contra os nacionalistas e, nomeadamente, contra o PNV, do cal se deduce que hai varias frases súas; e logo faino nun momento no que saíran Acebes e Zaplana, e cando Esperanza Aguirre semellaba non ter apoios para relevar a Rajoy. Pero San Gil representa a liña máis dura da dereita. O PP vasco é o máis rancio de toda a Península, moito máis integrista que o catalán ou o galego, e iso explica a boa relación de San Gil cunha Esperanza Aguirre que agarda na sombra, co beneplácito dun Aznar que toleou políticamente e do seu vasalo Mayor Oreja.

A dereita española tivo una grande virtude no último decenio: logrou articularse policamente nunha soa opción que era o PP, mentres a esquerda tiña varias opcións (PSOE e IU), e o nacionalismo, excepto en Galicia, contaba con varias alternativas en Euskadi e Catalunya. Pero Rajoy sabe que en solitario e enfrontado aos nacionalistas ten moi complicado chegar á Moncloa, e agora quere mover o rumbo dun barco que conta con dez millóns de votos (que, por outra parte, xamais saíran tan caros). A cousa é que non toda a dereita está disposta a iso.

Manter unido ao Partido Popular vai ser moi difícil a partir de agora. Uns pretenden persistir no erro, e outros queren ciaboga. Como cura de humildade non lles vén nada mal andar a paus. Só hai unha cousa desconcertante: mentres estean así o PSOE deste novo Zapatero non ten oposición. E iso si é malo para todos.

4,34/5 (29 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións