Diferentes cadeas de televisión interesáronse pola serie dos mariñeiros da Costa da Morte, que xa está a gravar os episodios dunha nova tempada.
Pinto e Cobiñas xa están a preparar a súa volta nunha cuarta tempada. O equipo de produción de “Para Mariñeiros, nós”, a mini-serie dirixida por Omar Rabuñal e protagonizada por Suso Lista e Manolo “Cobiñas”, está a gravar novos episodios na vila de Corme, que verán a luz en internet antes de que remate este mes de abril. “A bendición”, “Capadores” ou “O berro adorecido” son algúns dos títulos destes primeiros cinco capítulos que prometen facernos escachar coa risa.
Desta volta, o equipo de rodaxe é máis amplo e incorpora novas personaxes. Entre as novas incorporacións destaca a presenza de Vicente de Souza, no papel de Raimundo, o taberneiro, así como a volta de Ricardito, o sobriño de Cobiñas, interpretado polo actor Pedro Brandariz.
Máis e máis seareiros
Dende o seu blog, os creadores da serie xa adiantan que “o salto á televisión é inminente”, logo do éxito acadado en internet, e confirman o interese de diversas canles. Algún dos seus episodios xa superou as 13 mil entradas no youtube, unha mostra do interese espertado polas aventuras e desventuras de Pinto e Cobiñas.
Ademais, a súa páxina no facebook xa xuntou máis de 1.200 seareiros en tan só unha semana. Alí podemos atopar máis fotografías da rodaxe, ligazóns e outra información da serie. Asemade, adiantan que, en breve, poderemos adquirir as xenuínas camisetas de “Para mariñeiros, nós”.