Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Cara ao 1M

Conta atrás de promesas, ansia e incertezas

Coas últimas enquisas tensionando os cuarteis políticos apenas unhas horas atrás, a capital de Galiza foi escenario da apertura oficial da maratón política que até finais de mes debullará demandas e asolagará o país de promesas posíbeis e imposíbeis.

    Redacción - 02:00 13/02/2009


    Toda a información no especial electoral de Vieiros: Galiza 2009


    De xeito inicial, e alén da cobertura informativa que Vieiros xa vén realizando ao respecto dos numerosos eventos políticos de precampaña, achegamos unha breve biografía dos principais candidatos, dos que a próxima semana tamén poderemos ler cadansúa entrevista. Ademais, Suso de Toro e Perfecto Conde achegarannos as súas respectivas visión de cada un deles, peneirando polo miúdo as luces e as sombras de Feijoo, Touriño e Quintana.

    Ao tempo, facemos un repaso da lexislatura que agora remata, iniciada hai case catro anos co "cambio" que freou a quinta maioría absoluta de Manuel Fraga, convidando os lectores a faceren o seu propio balance deste treito de goberno. "As prioridades fronte á crise" inaugura unha serie de reportaxes onde debullaremos os programas electorais, aínda non publicados ao completo por todas as forzas políticas. Candidaturas, programas, análise de cartaces e lemas, resumo das enquisas xa publicadas, evolución do voto durante as últimas citas coas urnas e resumo do que teñen en xogo cada un dos principais grupos políticos son outras seccións xa accesíbeis. Os retos da lexislatura que vén serán tamén asunto a destaque, cun oco para a reflexión de persoeiros diversos, que resumirán desde as súas respectivas perspectivas persoais e profesionais os retos que consideran prioritarios para o goberno que saia das urnas.

    A Cara B e a vosa opinión
    Nos próximos días, o especial electoral traerá gorentosas novidades. Aproveitando a coincidencia da actualidade política co tempo de entroido no que andamos, trataremos de roer no debate que protagoniza as portadas do país estes días desde un plano máis descarado. No atrevemento e o humor axudarannos ilustres amantes da entroidada como Omar Rabuñal e Suso Lista, no papel de Pinto e Cobiñas, Pinto de Herbón, Luís Caruncho ou Susana Moo... Eles e outros sorprenderannos coas súas achegas, demostrando que, en tempo de crise económica, non hai crise nin escaseza de retranca e enxeño.

    Por outra parte, convidamos a todos os lectores a compartiren as súas propias reflexións. A pé da guía electoral ofrecemos un resumo específico da situación ao respecto do voto emigrante, onde poden deixar as súas achegas. Tamén no que lle toca ao balance da actual lexislatura ou ao respecto das prioridades da lexislatura que veña. Os próximos días ofreceremos outros espazos para a participación, con sorteo incluído de agasallos entre os usuarios que compartan con nós as súas achegas.

    E tamén queremos saber da análise e o seguimento que os internautas do país realizan no día a día das súas bitácoras, motivo polo cal os blogs terán un espazo de seu no especial. Ao fío, convidámoslles a usar o tag "Galiza2009" para detectarmos con axilidade as novidades electorais do blogomillo.

    O especial Galiza 2009 é xa accesíbel desde o propio cabeceiro de Vieiros. Á volta do período electoral, volverá á portada o proxecto Un país normal, con novas propostas para o debate dos lectores.


    4/5 (4 votos)


    Sen comentarios

    Novo comentario

    É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

    Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: