Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Copyleft

A música libre, alternativa para eludir as cotas da SGAE

O avogado David Bravo recomenda usar contidos Creative Commons en estabelecementos comerciais. Recordámoslles varios recursos na internet.

Redacción - 11:35 23/03/2010

Os estabelecementos comerciais que ofrecen música ambiental téñense atopado en moitos casos con reclamacións de entidades de xestión de dereitos de autor, nomeadamente a SGAE, que lles exixen o pagamento de cotas por faceren uso do seu repertorio. Porén, hai alternativas. Usar música con licenzas Creative Commons evita ese gasto, segundo explicou nunha conferencia o avogado experto en propiedade intelectual David Bravo.

O experto quixo deixar claro que tribunais do Estado Español reiteraron en diversas sentenzas que eses contidos "non xeran dereitos de autor para as entidades de xestión". Así, explicou que, cando unha entidade de xestión denuncia un estabelecemento hai que comprobar se esa música pertence realmente ao repertorio desa sociedade e se se está a producir comunicación pública, único caso en que se xeran dereitos. Isto tamén se aplica a escoitar a radio ou música a través de software como Spotify.

Na rede existen moitos contidos Creative Commons, polo xeral reunidos arredor de webs como Jamendo, con máis de 30 mil álbums clasificados por estilos e etiquetas, ou en 'netlabels', pequenos selos discográficos independentes que distribúen a través da internet contidos de diferentes autores que desexan ofrecer as súas creacións mediante unha licenza libre.

Copyleft do país
O panorama galego da música copyleft é moi prometedor, con cada vez máis grupos que fan uso de licenzas libres, sobre todo os que se inician nese mundo. Así, unha mostra de contidos Creative Commons ampla e de diversos estilos é a que integran os temas que se levan presentado ao concurso A Polo Ghit, de Vieiros, que busca cada ano a canción do verán galega.

Como exemplos de netlabels do país, temos A Regueifa, que xa ten un longo percorrido na rede e un amplo catálogo, ou o máis recente O Toxo Rabudo, ademais do especializado Alg-a Netlabel. Tamén podemos escoitar unha escolma de música Creative Commons internacional a través do podcast C'mmons Baby, tamén en galego.





5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: