A televisión pública británica pendura na rede o seu primeiro programa que se pode descargar, modificar e compartir.
A televisión pública británica, a BBC, acaba de lanzar o seu primeiro programa baixo unha licenza Creative Commons. Como era de agardar, é un programa sobre tecnoloxía, R&D TV, que se pode descargar xa, a diferenza doutros da mesma canle, fóra do Reino Unido e sen restricións de uso.
A BBC é financiada, principalmente, mediante un canon que pagan os posuidores británicos de receptor de televisión. Por este motivo, e tamén por mor das limitacións dos dereitos de emisión, a súa emisión en liña está vetada a internautas do resto do mundo. Porén, este novo programa abre unha nova vía para o medio de comunicación, seguindo o camiño marcado por outros análogos, como a televisión norueguesa, que mesmo conta co seu propio tracker de BitTorrent.
Do servidor da BBC pódense descargar dúas versións do programa: unha condensada de cinco minutos e outra completa de media hora. En calquera caso, están dispoñíbeis, entre outras, versións en Flash, Quicktime, no formato aberto Ogg Theora/Vorbis, en Windows Media, Mpeg4 e XviD. Prevé, ademais, publicalo en Archive.org e en P2PNext, ademais das súas canles nas webs Blip.TV e YouTube. Tamén se pode subscribir ao programa mediante sementes RSS.
A licenza Creative Commons escollida é a Recoñecemento-Non comercial 2.0 Inglaterra e País de Gales, que permite ver, converter, redistribuír e remesturar a obra audiovisual, sempre que se cite a autoría orixinal e non se obteña diñeiro da versión modificada, polo que se pode considerar "bastante" libre.