Presentará en Madrid unha nova proposta "que non se pode rexeitar" para que o empresariado galego poida construír buques en Navantia-Fene.
O estaleiro permanece ocioso / Flickr: Xoán Porto
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, explicou este martes que a Consellaría de Industria vai remitir ao goberno español unha nova proposta para que "un conglomerado empresarial galego" poida volver construír buques civís nos terreos ociosos do estaleiro de Navantia-Fene, o antigo Astano, na comarca de Ferrol.
Segundo o tamén portavoz nacional do BNG, a proposta é froito da análise da situación económica realizada pola Executiva da formación e mais expertos economistas. Ademais, lembrou que se trata dunha reivindicación unánime, xa que todos os grupos parlamentarios apoiaron unha proposición neste senso, e que agora é unha cuestión "entre gobernos".
Neste senso, Quintana dixo que o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, "abriu a posibilidade" a que o estaleiro volva á construción civil. A infraestrutura daría resposta a un "mercado en alza en toda Europa", e no que os empresarios do país "teñen unha carteira de pedidos importantes".
Polo tanto, proclamou que a Xunta "vai facer unha proposta que non se pode rexeitar", porque "non vai pedir diñeiro, senón que deixen traballar" aos empresarios que converteron Astano nun "estaleiro punteiro", e sentenciou que "non se pode permitir ter unha infraestrutura ociosa por máis tempo".
"Creación de emprego e de calidade"
O vicepresidente do Goberno dixo que os datos do paro coñecidos este martes debuxan unhas cifras "nada alentadoras", e destacou que o retorno á construción civil suporía a creación de "emprego e de calidade" para entre tres mil e cinco mil persoas de forma directa, ademais do xerado nas empresas auxiliares.
"Galiza ten a gran sorte de contar con 1.200 quilómetros de costa e unha estrutura de rías que permite ter estaleiros en condicións óptimas", sentenciou Anxo Quintana.
A principios de 2007, Industria amparou unha proposta da empresa Barreras para utilizar Astano. A entrada de capital privado bloqueouse finalmente en Madrid, para non ter que devolver as axudas europeas recibidas en virtude dun acordo secreto entre goberno español e UE, logo da última reconversión do sector.