O presidente do estaleiro vigués asegura que, se Bruxelas reabre o antigo Astano á construción civil antes da data fixada en 2015, "estaremos aí outra vez".
O presidente do estaleiro Hijos de J. Barreras, Xosé Francisco González Viñas, anunciou este venres que se a "curto prazo" hai posibilidades de que o estaleiro Navantia-Fene poida ter carga de traballo civil, volverán tentar que o seu plan empresarial poida levarse a cabo. "Aí estaremos outra vez", aseverou.
"Se en troques de en 2015, houbese unha posibilidade de reabrir á construción civil en 2008 as instalacións actuais de Astano, non habería ningunha dúbida de que Barreras estaría outra vez á cabeza do pelotón para participar no concurso público", recoñeceu González Viñas nunha entrevista na Televisión de Galicia.
Porén, admitiu que a apertura á construción civil en 2015 fai "absolutamente imposíbel" que Barreras "poida esperar" a esa data. No entanto, a empresa cooperará co plan industrial da Xunta en Ferrol, mais non en materia de barcos, senón en proxectos relacionados coas enerxías renovábeis.
"Gran barreira"
O presidente de Barreras recoñeceu que había unha "gran barreira" entre a Administración central e a UE para que o estaleiro puidese ampliar a súa actividade civil en Astano. En todo caso, asegurou estar "absolutamente seguro" de que, de non existir restricións, a SEPI non tería inconveniente en privatizalo.
Respecto a actitude do presidente do goberno, Emilio Pérez Touriño, neste tema, González Viñas asegurou que amosara o seu interese, "porque é un home que ten unha especial sensibilidade en temas industriais".
Por iso, subliñou que non se sinte "desilusionado ou enganado". "Cando fun, sabía ben onde me metía, que era explorar en nome de Barreiras unha posibilidade. Sabía que era remota, mais dixen: por intentalo que non quede; por Galiza, por Barreras e por xerar riqueza en Ferrol", resumiu.
Plans complementarios
Por outra banda, o coordinador da Executiva do BNG, Francisco Jorquera, subliñou este venres que a formación nacionalista apoia "plans complementarios" para activar a economía de Ferrolterra, tal como o Plan Ferrol proposto polo presidente da Xunta, "sempre e cando non substitúan ao proxecto inicial presentado polo goberno", para impulsar a construción naval civil nos estaleiros de Navantia-Fene.
Ademais, demandou de Emilio Pérez Touriño "compromisos concretos e sustentábeis" para a bisbarra, e recordou que xa se anunciaron "moitos plans que logo non se cumpriron". Jorquera considerou un "erro dar por liquidado" o plan inicial da Xunta, e aclarou que o BNG "non renunciará" a lle seguir reclamando ao Estado que modifique a súa posición de bloqueo.
O senador nacionalista, avanzou que, nos próximos meses, o Bloque vai demostrar as "mentiras" da SEPI e a verificar que o "único obstáculo" para que en Ferrol non se constrúan buques civís é "político".
Solicitude no Congreso
Neste senso, o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados de Madrid, Francisco Rodríguez, solicitou no rexistro da Cámara Baixa unha copia dos informes remitidos polo goberno español á UE, referentes ás axudas ilegais concedidas aos estaleiros públicos no ano 2000.
Bruxelas esixiu formalmente en 2005 a aplicación dunha serie de medidas para cumprir coa súa devolución, logo de que a Comisión Europea as considerase incompatíbeis co mercado común. Segundo a normativa, o Estado tivo un prazo de dous meses para informar á UE destas medidas.