Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A "emigración encuberta"

A inserción laboral dos enxeñeiros, se non é aquí será en Noruega...

Mentres Madrid frea os proxectos de futuro do naval, os nosos estudantes de enxeñeiría reciben visita da administración norueguesa con oferta de milleiros de postos.

Redacción - 14:19 27/04/2007
Eli Skau g, veu animar aos enxeñeiros galegos a enviar currículos ás empresas de Noruega

Eli Skau g, veu animar aos enxeñeiros galegos a enviar currículos ás empresas de Noruega

Milleiros de postos no sector naval e enerxético. Contratos de longa duración e con salarios medios de entre 50 e 60 mil euros ao cabo do ano, posibilidades de desenvolvemento profesional... Galiza? Non: Noruega.

Electricidade, mecánica, hidráulica, estruturas, deseño de conducións industriais, tecnoloxías da información, dirección de proxectos... Son múltiples as especialidades nas que a Noruega lle cómpren novas incorporacións no eido da enxeñería. O goberno daquel país calcula que en só tres anos precisarían contratar até dez mil enxeñeiros para responder á demanda actual do mercado noruegués.

Aproveitando o programa europeo Eures, unha rede adicada ao fomento da mobilidade laboral na Unión Europea, o executivo noruegués saíu á busca de candidatos para cubrir eses ocos laborais. Así, mentres Ferrolterra vive a súa recente loita fronte a teima da SEPI de rexeitar o plan da Xunta e Barreras para relanzar o sector, paradoxalmente o campus ferrolán recibe a visita da encargada do proxecto Eures en Noruega, para convidar aos estudantes da politécnica a que lle envíen o currículo para o mesmo sector. O naval, unido ao sector do gas e o petróleo, estimulará aló a creación de milleiros de empregos. A propia delegación Eures encárgase despois de peneirar as ofertas para o empresariado noruegués. Con ese obxectivo, Eli Skaug, delegada Eures de Noruega, visitou Galiza estes días e estivo na Universidade de Vigo e no campus ferrolán da Universidade da Coruña.

A nova emigración
Escaseza de postos de traballo, mala calidade dos poucos existentes... Desde a CIG láianse de que a situación obrígalle a moitos mozos e mozas a emigrar. "Iso está axudando a rebaixar as cifras do desemprego", advirten, "senón os datos serían aínda máis alarmantes".

Ao respecto achegan cifras de exemplo: en 2004 o 65,1% dos traballadores que marcharon de Galiza eran menores de 35 anos. "cumpriría que a conselleira de Educación revisara as súas propostas e que se deseñaran alternativas para atallar, con urxencia, esta situación e non, como se está facendo, que se fomente aínda máis a emigración".

O enfado sindical chega ao fío do relato que esta semana se facía desde a Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario sobre datos de inserción laboral dos titulados galegos. Desde a CIG critican que a consellaría de Educación destaque a busca de emprego en Europa como saída para os universitarios do país que teñen problemas para encontrar traballo en Galiza. "É a emigración como solución", quéixanse, "envíanos a producir e desenvolver os coñecementos que adquiriron no noso país". O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, referiuse ao caso noruegués, que fora destacado pola conselleira como aval da "boa acollida" dos titulados galegos. Na opinión de Seixo, habería cota para os enxeñeiros no país se non topasen con obstáculos como as limitacións "para a construción civil dun estaleiro tan importante como Astano, agora Navantia".


5/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: