A estatística descritiva é unha ciencia orientada á análise duns datos numéricos co obxectivo de acadar o coñecemento dunha realidade. Un dos métodos dos que se nutre esta sorte de ciencia cuantitativa é a enquisa, instrumento nunca tan “popular” como nestes tempos en Galicia.
Para que insistir se xa está todo decidido? Hai centos de argumentos en contra desa enquisa traxicómica que vai formular o goberno galego sobre a aplicación da lingua galega no ensino. Nesta mesma sección referímonos a ela en “Preguntar aos pais” ou en “O quid da política lingüística”, dúas colaboracións tan estériles como calquera outra que se poida publicar sobre este asunto. Supoño que nin as len porque eles mesmos saben perfectamente que a tal enquisa representa un groseiro monumento á arbitrariedade e á manipulación. Non é unha enquisa: é unha coartada. Este goberno está a superar a peor das hipóteses. Na súa folla de ruta, como se chama agora, manteñen o obxectivo prioritario de lealdade ás consignas do PP madrileño e de deslealdade ás necesidades deste País nunca antes tan maltratado, o que xa é dicir!
Así todo, a ferramenta esta da enquisa si presenta utilidades noutros eido. Coido que o PSdeG debe utilizala para preguntar ó votante galego por que apoia maioritariamente ó PP. Téñeno fácil: pregunten a calquera que pase pola rúa e xa saben que un de cada dous votou por ese partido. Moito máis difícil o terían se intentan preguntar ós votantes do BNG pois haberían recorrer a dez cidadáns para atopar un votante, e con sorte. O BNG tamén debería utilizar as enquisas e tentar entender o porqué desta súa deriva conducente de xeito acelerado á insignificancia.
Xa que está todo o País enredado no sentido ou a falta del das catro preguntiñas de Educación, velaquí outras dúas cuestións para seguir enredando:
Posible pregunta do PSdeG ó votante do PP: que razóns fixeron que votara vostede por un partido sumido en graves casos de corrupción e falto dun liderado sólido en España, sen proxecto para Galicia e cuxa “acción” de goberno oscila entre un delirante plan de desgaleguización e a inoperancia absoluta en calquera outro ámbito?
Posible pregunta do BNG a case que calquera votante: sendo o BNG a única organización política propiamente galega e, xa que logo, a única capaz de colocar a Galicia nun espazo de discusión e toma de decisións transcendentes para a nosa sociedade e para a nosa economía como é o Parlamento Europeo, que razóns fixeron que nin se lle pasara a vostede pola cabeza a máis mínima posibilidade de votar BNG?
Leven a cabo esta micro-enquisa e analicen os resultados. Avanzarán moito.
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza