Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Folga de alento

11:55 08/04/2008

Disque os médicos estiveron en folga. Cinco días. Os médicos, traballadores, teñen dereitos. Entre eles, o dereito de folga. Nin entro nin saio nas razóns e senrazóns dos médicos. Laiábanse da falta de medios. Laiábanse verbo da obriga das gardas. Os seus sindicatos chegaron a un acordo, ó acordo seica imposíbel coa Administración. Disque os médicos estiveron en folga... e eu lembrei o meu pai.

En agosto pasado, nesta sección publicábase Cuestión de vida e morte. Os médicos son os intermediarios entre a vida e a morte. Os médicos, ou sexa, o sistema médico. Fálase de cifras, de medias, de variacións, pero os médicos son os intermediarios entre a vida e a morte. Antes tardaban once semanas en practicar unha proba diagnóstica. Ou doce. Ou nove. Agora serán dez. Ou doce. Ou nove. Unha mellora do z,4%. Ou do x,7%. E non será que foi a peor? Un h,3%. Ou un f,8%. Os mesmos cálculos para as intervencións cirúrxicas. Ou distintos. O d,1%, o k,5%, o b,6%. Afixémonos a falar de meses de espera. Cada día que pasa, máis probabilidades de morte. Un 10%. Un 20%. Un 40%. Afixémonos a nos achegar á morte. Ou sexa, a tentar á morte. Nalgúns casos, un 100%. Os doentes non se poñen en folga, non queren virar sans. E presentan un plan. Non os doentes, claro!, os gobernantes. Ou sexa, un PLAN. No que se salientan os investimentos tecnolóxicos. Tropecentos millóns de euros en investimentos tecnolóxicos. E meu pai pasou cinco meses queixándose de dor de estómago. E de náuseas. E de fuga de enerxía. E de perda de peso. E o sistema médico empeñado na hernia de hiato, na paciencia, no eterno impasse. E cada semana meu pai que ía á consulta. E como estoxaba meu pai as consultas médicas! A hernia de hiato estaba clarísima, coma os síntomas, tamén clarísimos. Pero muller, é que non ves que está fatal? E por fin unha endoscopia. Para dentro de tres meses. De tres meses e medio, para sermos precisos. Por encima das medias. Unha variación típica do xyz%. E outra semana peor. Tardamos en reaccionar, pero é que a hernia de hiato estaba clarísima. O diagnóstico en media hora. E volta ó SERGAS para a primeira sesión de quimioterapia. Contra o linfoma. Un tumor enorme, clarísimo. Sen traxedia, ese tipo de linfoma cúrase no 90%. 95 incluso. Todos tranquilos. Cabreados pero tranquilos. No medio do tratamento, protocolo de seguemento. Imposíbel. Perdón? Case estamos en agosto, en agosto non se fan endoscopias. A xente ten dereito ás vacacións. Daquela? O 17 de setembro. Faltan dous meses e a doutora ten que saber como vai a cousa. Vai perfectamente. Seguro. O 17 de setembro. E non ía tan ben. E ía cada día peor. O 17 de setembro fixéronlle a endoscopia. Xa lles avisamos. E meu pai que volve á consulta do mal que se sinte. Nin chamou ós fillos, chamaron un taxi. E a doutora que pide os resultados e que o ingresa decontado. Resultados nefastos. O linfoma medra, o tratamento en balde. Novo tratamento. Máis agresivo. Non deberían telo sabido hai tres meses? Non deberían telo cambiado hai tres meses? Tres meses a engadirmos ós cinco do principio!!!! O servizo ten os seus prazos. Catro ciclos novos, cada cinco semanas, de catro días por ciclo. E o derradeiro día do derradeiro ciclo, a catarse. Non sabemos o que ocorre pero mándano para a casa. Regresou ás dúas horas. Para Observación, con outros cincuenta observados. Non poden entrar, os doentes dormen. Paso ó terceiro intento. Cincuenta doentes durmidos e escóitase: o dezaseis non responde. E miro a listaxe. Podían ter dito o trece, ou o vintenove, ou o corenta e catro. Porén desta vez o número si importaba. O dezaseis non responde...

Non me veñan con plans. Non me veñan con tecnoloxía. Non me veñan, moito menos, con política. Non me veñan con dereitos, nin con gardas, nin con pluses, nin con horas, nin con promesas, nin con porcentaxes, nin con declaracións, nin con visitas, nin con inauguracións. Véñanme con dignidade e con vergonza. As probas dentro da semana e á seguinte, a intervención. Fagan como queiran, para iso lles pagamos. É a súa obriga. Organicen, analicen, contraten, instalen, xestionen, controlen. Porque son os intermediarios entre a vida e a morte. Porque temos dereito a morrer cando nos corresponda. E porque podería ter sido o seu pai.
Disque a esperanza é o último que un perde. Falso. O último que un perde é o alento. Meu pai, que era moi de frases, púxose en folga de alento. Nunha folga salvaxe, ad eternum. De alento.

4,72/5 (25 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións