Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

O tren que nos leva

12:15 18/12/2007

Cando un escribe unha colaboración xornalística, procura informarse, analizar, buscar visións alternativas e consultar as dúbidas cos que saben máis do asunto. Noutras ocasións, abonda con traducir unha nota de prensa.

A memoria colectiva do País garda coma unha das máis graves discriminacións que se teñan coñecido na política económica española, o desleixo ignominioso cara ás infraestruturas ferroviarias de Galicia, tanto respecto ós enlaces interiores como ás vías de conexión coa Meseta e o Cantábrico. Pero tamén é certo que, de tanto falar, ler e escoitar, empezamos a te-la impresión de que algo está a mudar, de que por fin chegou o momento para resolver este grave anacronismo. Nada máis lonxe da realidade.

Non imos entrar nas eivas e carencias inadmisíbeis do ferrocarril en Galicia. Nalgún outro artigo, comentáronse casos concretos. Imos traducir, simplemente, un comunicado de prensa que circulou hai uns días polas redaccións dos medios de comunicación españois. Di así:

“As liñas de Alta Velocidade e os trens AVE e de rodamento desprazábel (aqueles que combinan nun percorrido a vía larga co ancho de vía europeo) conectarán durante o vindeiro ano 54 poboacións españolas, chegando así a dous de cada tres cidadáns españois. Do total de poboacións, 19 contarán proximamente con trens AVE e Avant (alta velocidade de media distancia) e ancho europeo, mentres que a outros 36 destinos máis, chegarán os de rodamento desprazábel.

Un total de 29.708.650 cidadáns de 28 provincias españolas vanse beneficiar da alta velocidade tan logo se inauguren as liñas que enlazarán Madrid con Barcelona, Málaga e Valladolid e se poñan en marcha dous tipos de servizos distintos, os do AVE e Avant, de ancho europeo; e os de rodamento desprazábel, que se denominarán na súa maioría Alvia.

Estes últimos trens poderán circular polos dous anchos de vía que coexisten en España –convencional e de ancho internacional–, grazas ós intercambiadores de Valestillas e Valladolid.

Os aforros en tempos de viaxe obtidos nos tramos de alta velocidade trasladaranse, xa que logo, ás poboacións situadas alén das liñas de alta velocidade.

Os trens AVE e Avant chegarán a Madrid, Toledo, Ciudad Real, Puertollano, Córdoba, Sevilla, Puente Genil, Antequera, Málaga, Segovia, Valladolid, Guadalajara, Calatayud, Zaragoza, Tardienta, Huesca, Lleida, Camp de Tarragona e moi posibelmente Barcelona.
Pola súa banda, os trens de rodamento desprazábel chegan xa ou están a piques de chegar a Cádiz, San Fernando, Puerto de Santa María, Jerez de la Frontera, Huelva, La Palma del Condado, Algeciras, Granada, Gijón, Oviedo, Mieres, León, Sahagún, Palencia, Santander, Torrelavega, Reinosa e Aguilar de Campoó.

Tamén a Bilbao, Miranda, Burgos, Hendaya, Irún, San Sebastián, Zumárraga, Vitoria, Pamplona, Tudela de Navarra, Castejón de Ebro, Tafalla, Logroño, Alfaro, Calahorra, Albacete, Villena, Elda e Alicante.

Para atender a demanda que estes servizos van xerar, Renfe dotouse dunha moderna e versátil flota de trens de alta velocidade, tanto con eixes de ancho fixo, para circular por vías UIC, como con eixes de ancho variábel para poder circular indistintamente por vías UIC e por vías convencionais.

O investimento en vehículos ascendeu a 3.400 millóns de euros, ós que habería que engadir os 270 millóns de euros que supuxo a adquisición dos primeiros AVE da serie 100, os trens que dende a súa inauguración en 1992 levan unido diariamente Madrid e Sevilla.
O parque de trens de alta velocidade de Renfe está integrado actualmente por 82 vehículos e unha vez que finalice a fabricación das novas unidades, o parque acadará a cifra de 231 trens, dos cales 129 serán para circular exclusivamente por liñas UIC e 102 serán para circular polos dous tipos de liña grazas ós seus sistemas de ancho variábel.”

Podería tentar un exercicio retórico sobre a base da mofa e humillación que para un galego significa ter que ler o texto anterior. Tamén podería tentar facer un estudo sobre o nivel máximo de cabreo que chega a provocar un comunicado de prensa, mesmo cando se limita a describir a realidade. Ou podería limitarme a poñer no vello tocadiscos aquela canción de Andrés do Barro que asumía a velocidade dun tren que marchaba “pasiño a pasiño”.

Outrosí podería esperar que en Marzo 2008, os galegos academos a posición nas Cortes Xerais que nos permita esixir a corrección deste agravio sen parangón.

3,75/5 (16 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións