Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Granxas acuícolas vs progreso económico

10:52 19/11/2007

O Plan Galego de Acuicultura (PGA) en fase de discusión elaborouse co fin de substituír o chamado “Plan sectorial de parques de tecnoloxía alimentaria na costa galega”, o cal fora aprobado polo goberno anterior en funcións 18 días antes de constituírse o novo Parlamento (ou sexa, con certos apuros). Vexamos o que subxace tralo cambio de plans.

A principal diferenza entre ambos os dous documentos reside en que, mentres o orixinal prevía a ocupación de 654.000 m2 de superficie protexida, o novo limita esa extensión a 56.000 m2. Xa que logo, o PGA reduce nun 91% o impacto das potenciais granxas mariñas sobre espazos de elevado valor medioambiental. Porén, a superficie total prevista aumenta un 31%, de 2,4 a 3,2 millóns de metros cadrados.

Comparando os parques incluídos nun e noutro plan, observamos que o PGA engade respecto ao proxecto do PP as granxas de Sera, Tal, Laxe Brava, Xandriña, Seiruga, Gralleira, Sarrido e Corvo, ningunha delas en espazo protexido; ademais, elimina as de Touriñán e Punta do Corno mentres recoloca ou reduce as de Lira, Quilma, Meiras e Foxo Longo, todas elas inicialmente en zonas da Rede Natura. Non estamos, por tanto, ante un Plan restritivo da actividade económica, tal como se ataca dende o PP, senón ante un cambio estratéxico derivado da nova política industrial posta en marcha no País.

En consecuencia, cabe preguntarse de onde xurdiron as présas do goberno Fraga por aprobar un Plan que mesmo agora se amplía? Pois dun concepto económico básico: a rendibilidade. O Plan do PP permitía instalar os parques acuícolas nos lugares que garantisen unha maior rendibilidade aos proxectos, o cal parece lóxico de seu. O problema vén da falta de consideración do impacto medioambiental que tales localizacións supuñan. Noutras palabras: na proposta de 2005 primaban os intereses empresariais privados fronte ós intereses medioambientais públicos.

Modelo económico
Estamos a falar, xa que logo, dun cambio de modelo económico ao cal damos a benvida na convición de que as novas premisas representan a única opción válida para garantir o crecemento sostible en Galicia. Trátase de definir, nin máis nin menos, o noso modelo económico de futuro.

Por unha banda, temos a opción de adoptar uns laxos criterios ecolóxicos e paisaxísticos, admitir os proxectos empresariais tal como os presentan os grupos investidores e permitir que sexa a propia dinámica comercial e industrial a que defina o mapa económico futuro do País.

Pola outra banda, cabe a decisión de defendermos o medio natural como unha das bases esenciais de calquera iniciativa económica, incluírmos os custos medioambientais como un factor a considerar na avaliación dos proxectos empresariais e priorizarmos a captación de industrias e actividades produtivas en xeral que presenten un óptimo equilibrio entre rendibilidade empresarial, valor engadido e creación de postos de traballo.

En política e mais en economía, nada hai branco nuclear nin negro antracita. Aínda así, coido que podemos estimar que decantármonos polo primeiro dos modelos, implicaría equiparármonos ás economías menos desenvolvidas, aquelas que basean o seu crecemento na captación de industrias sucias normalmente intensivas en man de obra (por certo, a acuicultura de peixe plano crea poucos postos de traballo) e manufactureira de produtos básicos de baixo prezo comparado. Non é casualidade que os destinos alternativos que se manexen para algúns dos proxectos cuestionados sexan Marrocos, unha economía pouco desenvolvida, ou Portugal, outra con serios problemas de crecemento.

"Tecnoloxía ecolóxica"

Non embargantes, optarmos polo segundo dos modelos implicaría facer unha aposta por competirmos sobre a base dos parámetros competitivos de alto valor, pola innovación e pola ecoloxía. Suporía emitir un claro sinal ao mundo empresarial de que Galicia está en disposición de subir ao carro da nova economía, esa que pretende atopar o seu sitio a partir da diferenciación, da busca de solucións creativas, do traballo investigador, da tecnoloxía aplicada e do respecto absoluto polo medioambiente como garantía de sostibilidade.
Porque o medioambiente é un factor indubidable de futuro. Velaquí un dos milleiros exemplos que se poden presentar: a “tecnoloxía ecolóxica”. IBM lanzou hai pouco o seu gran proxecto multianual “Project Big Green”; HP leva dez anos desenvolvendo o programa “Design for Environment”; Sun Microsystems puxo en marcha a iniciativa “Eco Innovación” para o deseño de centros de proceso enerxeticamente eficientes; Intel e AMD embarcáronse nun proxecto colosal para adaptar os seus produtos á “Energy Star”...
Agora ben, se finalmente optamos polo segundo dos modelos expostos, habemos saber que non queda outra que multiplicar por 4 ou 5 a implicación do I+D+i nas empresas galegas, que propiciar a permanencia no País e mesmo a captación de talentos especializados, que definir vantaxes comparativas fronte a outros destinos para a atracción de investimentos nos sectores de valor engadido, acometer de vez a organización do territorio, definir con claridade os criterios de clasificación das actividades industriais, analizar e valorar na xusta medida os custos e compensacións medioambientais, e ofrecer espazos privilexiados para a localización industrial (por terceira vez nos últimos meses, insisto na enorme oportunidade que supón a esgotada mina de ENDESA en As Pontes).

Alén de localizacións máis ou menos axeitadas, de negociacións sobre concesións vencidas e de cálculos sobre a viabilidade da mudanza de proxectos concretos, coido que o novo Plan acuícola galego aposta polo equilibrio entre progreso e medioambiente. Espero que sexa un primeiro paso no cambio do noso modelo económico.

3,14/5 (36 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións