O sétimo candidato a reitor defende unha única facultade de Medicina en Galiza e promete diálogo, consenso e pacto. Vídeo no interior.
Rexeita o convenio entre as tres universidades e a Xunta e defende unha única facultade de Medicina
"Diálogo, consenso e pacto". Estas son os compromisos cos que presentou a súa candidatura o sétimo aspirante a reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) cando xa só resta un día de prazo. Se a cadeira de San Xerome xa era extraordinariamente cobizada polos seis candidatos coñecidos, o catedrático de Anatomía Patolóxica, Xoán Varela Durán, sumouse á contenda cunha proposta apoiada pola única plataforma docente que non tiña aínda candidato, a conservadora Converxencia Universitaria, que até o de agora compartía mandato co colectivo do que forma parte o reitor saínte, a Plataforma Universitaria Progresista (PUP).
Entre as liñas básicas do seu programa destaca tres: consolidar o legado recibido da anterior equipa reitoral, á que lle recoñece "importantes logros que a situaron na elite das universidades españolas"; "alcanzar a excelencia noutras áreas", despois do logro conseguido coa Biomedicina; e conseguir unha "definitiva estabilidade laboral" para os traballadores da comunidade universitaria.
Sen descartar posíbeis alianzas futuras, Varela Durán adianta que pelexará pola estabilización dun financiamento universitario que se sitúe no 1% do PIB galego e manifesta o seu "apoio total á declaración do Claustro de Medicina". Rexeita o convenio entre as tres universidades e a Xunta e defende unha única facultade de Medicina en Galiza, "con docencia preclínica en Compostela e varios hospitais con docencia clínica nas sete cidades máis importantes". Consciente da importancia deste debate e se ben adianta que traballará a prol de todas as áreas, pregunta: "quen mellor que un reitor de medicina para resolver os problemas de medicina?
Outros candidatos: