Propón unha candidatura que aprenda dos erros e recupere a esencia da USC, e aposta por unha política máis participativa, eficaz e apegada á realidade.
Gómez, no momento de rexistrar a súa candidatura no Reitorado
O actual decano de Bioloxía, Xaime Gómez (A Coruña, 1957), defende unha "necesaria mudanza" no xeito de gobernar a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Como candidato a reitor reivindica a súa independencia: "nunca estiven vinculado nin a partido nin a plataforma algunha", unha cuestión da que, asegura, non poden presumir os seus opositores. No destaque das grandes liñas que presidirían un futuro reitorado presidido por el aposta pola "franqueza e cordialidade", por "devolverlles a palabra a todos os universitarios" e por facer unha Universidade "máis colaborativa, democrática e pegada á realidade" (ver vídeo).
Os vieiros para acadar esta necesaria mudanza pasarían, nas súas palabras, por "desenvolver políticas universitarias diferentes en practicamente todos os ámbitos". Neste eido subliña a necesidade de equilibrar os cadros de persoal docente, de maneira que se resolvan problemas derivados de que unhas áreas conten con máis profesorado ca outras. Tamén aposta por cambios en política económica, na que defende unha formulación máis austera e en menor grao dependente do alto grao de endebedamento.
Cun posicionamento crítico sobre o Campus Vida, que entende que "se fixo de costas á comunidade universitaria" e que "se trata dun proxecto de futuro que consumirá moitos recursos" , sinala que "non se pode desatender moitas outras frontes" nas que debería estar a USC, xa que "a Universidade", di, "é moito máis". Así, presenta a súa candidatura para iniciar un novo ciclo, unha etapa na que os votantes teñen a posibilidade de escoller un candidato, insiste, independente, que non procura conseguir o poder en si, senón defender outra concepción da propia Universidade.
Outros candidatos: