Defende un programa baseado nos estudantes, na internacionalización, na integración, na política científica e nos retos económicos.
Fernández Prieto rexistrou a súa candidatura no reitorado esta semana
Con compromisos de cambio e de gobernar dun xeito integrador e participativo preséntase Lourenzo Ferández Prieto (Ribadeo, 1961) a reitor da Universidade de Santiago (USC). O que deixara o cargo de vicerreitor de Relacións Institucionais, en representación Universidade Aberta (UA), no anterior mandato de Senén Barro (Plataforma Universitaria Progresista, PUP), quere agora demostrar que hai outra forma de dirixir a Universidade.
Deixando atrás o tempo para as posíbeis alianzas, Fernández Prieto asegura que xa é o momento da competición e pide que haxa debate, mesmo que se celebren formalmente nos campus de Lugo e de Santiago. Logo da súa saída da equipa reitoral anterior defende unha "alternativa diferente" da que a súa propia xestión é garantía.
Do seu programa, aínda por ultimar nos seus detalles, explícanos os cinco grandes eixos (ver vídeo): a integración, como resposta ás demasiadas divisións que dificultan unha universidade forte interna e externamente; o estudantado, que define como a sociedade que agora é universidade; a internacionalización, como instrumento para ser mellores e máis competitivos; o financeiro e económico, na procura de máis eficacia e maior efectividade nas negociacións coa Xunta; e a política científica, que promete converter en área estratéxica independente das mudanzas de goberno.