Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
CONTRA AS PRESAS

O encoro do Umia: o abastecemento de auga que nunca foi tal

O colectivo ecoloxista Adega reclama a demolición das minicentrais máis agresivas e exixe a xestión sustentábel dos ríos.

Redacción - 10:50 15/03/2010

Xa hai máis de 10 anos dende que se iniciaran as obras do encoro do Umia (Caldas de Reis), uns traballos que atoparon cunha forte oposición veciñal. Agora, na semana en que se celebra o día mundial contra os encoros, Adega fai balance do que significou esta presa, que se converteu nun “exemplo da chafallada e da corrupción que impera no sector”.

Os ecoloxistas recordan que o proxecto do encoro do Umia “naceu xa cun feixe de irregularidades e ilegalidades cometidas polos responsábeis políticos de entón”, entre as que destacan a carencia dun acaido Estudo de Impacto Ambiental. O documento, que si se fixo, era unha copia literal doutro proxecto de Andalucía, no que constaban até os mesmos nomes dos pobos (Puebla de Guzmán en troques de Caldas de Reis).

Ademais, subliñan que “o obxectivo da presa estaba falseado: abastecer de auga ao Salnés supoñendo que ía a multiplicarse varias veces a poboación actual” e lembran que a motivación de urxencia era ilegal, tal e como foi declarada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) e polo Tribunal Supremo (TS).

Finalmente, analizando a actual situación desta presa, conclúen que “o encoro non resolveu ningún problema”: nin o do abastecemento, porque non existía (de feito non está conectado a ningunha rede de abastecemento), nin o das inundacións da vila de Caldas. Pola contra, subliñan os seus efectos negativos: un grave impacto ambiental e a diminución da calidade da auga no encoro e río abaixo dende que se pecharon as comportas (con varios episodios de augas en mal estado, turbias ou con cheiros desagradábeis).

Destrución das presas
Con este encoro como exemplo, Adega volve a exixir a demolición dos aproveitamentos destrutivos da auga e o aproveitamento sustentábel dos ríos, en cumprimento tanto da Directiva Marco da Auga como da Lei de Defensa dos Ríos Galegos (2006).

Recordan que agora, co Plano Sectorial Hidroeléctrico en revisión polo actual goberno, renóvase a ameaza de máis minicentrais nos nosos ríos, polo que conclúen que “vai sendo hora de poñer punto final a esta política e mesmo demoler instalacións obsoletas e agresivas que comprometen a conservación dos ríos”.


5/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: