Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Os veciños paralizan as obras do encoro do Umia

Preto de 200 vecinos de Caldas, Cuntis e Moraña ocuparon na tarde do luns os terreos nos que se están a realizar os traballos de construcción da presa no río Umia. Malia a negativa da Garda Civil, que se viu reforzada por grupos de antidisturbios, os veciños lograron acceder ao muro de contención da presa e conseguiron paralizar as obras.

- 10:53 04/08/1999
Tags:

Afectados, veciños e membros da Coordinadora anti-encoro situáronse na base do muro da presa, e tamén por riba del, co obxectivo de impedir que continuasen as obras. Na súa protesta estiveron acompañados polos parlamentarios autonómicos do BNG Francisco Trigo e Salomé Álvarez.

Os axentes da Garda Civil tentaron impedir o acceso das case 200 persoas ás obras da presa, mais impúxose a presión dos veciños que lograron acceder ao lugar e invadilo, conseguindo paralizar as obras. Segundo membros da Coordinadora, os veciños chegaron a situarse na base do muro sobre o formigón recén extendido.

A partir dese momento iniciouse un proceso de negociación cos responsables da constructora Dragados, a través da Garda Civil. A empresa accedeu a paralizar as obras a cambio de que os veciños abandonasen o lugar. Despois de chegar a un acordo, paráronse as obras, e traballadores, afectados e forzas de seguridade abandonaron o lugar.

Pola mañá, os veciños comprobaron como as máquinas de Dragados continuaban traballando no muro da presa, "mesmo ocupando terreos novos", afirmou Paloma Fernández, voceira da Coordinadora. Ante esta situación a Coordinadora decidiu enviar un fax ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia informando da situación que se vivía naquel momento.

No día de onte os afectados solicitáronlle á titular do Xulgado de Caldas que ordease a paralización das obras. Para isto máis de 100 persoas ocuparon as dependencias do Xulgado agardando a presencia da xuíz, que lle tomou declaración a cada un dos presentes, que denunciaron a continuación das obras. Esta mesma situación viviuse durante todo o día do martes, dado que máis persoas acudiron ao Xulgado para presentar a pertinente denuncia sobre a continuación das obras. E desde a Coordinadora agardábase que esta situación continuase durante o mércores. Mentres se seguen recibindo denuncias no Xulgado de Caldas, a titular xa iniciou as dilixencias pertinentes para paralizar as obras.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: