Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas desde Chiapas (III)

Dos desastres e dos rumores

Viaxo cun billete trucho que me vende de estraperlo unha axencia mexicana. Non tes dereito nin a respirar, só sobes se hai sitio e se o avión voa. Escribe Iván Prado.

Iván Prado - 10:35 12/01/2010
Tags: Chiapas

É a duodécima caravana que organizo e nunca vivira esta situación.

Viaxo cun billete trucho que me vende de estraperlo unha axencia mexicana. Non tes dereito nin a respirar, só sobes se hai sitio e se o avión voa.

Eu consígoo á primeira despois de varios días descubrindo cando saen os avións de Barcelona. Chego o último e consigo o mellor asento de toda a miña vida. Entro polos pelos, pero viaxo −algo que non lles pasa ao resto da expedición−, os meus compas pasan dous días tirados no aeroporto do Prat facendo pícnic e durmidas imposibles diante dun mostrador fantasma. Alí ninguén aparece, os avións non voan e Aena non sabe non contesta. Casualmente son festas e a oficina central en Madrid non funciona.

Cando van preto de 20 horas no limbo aéreo decidimos pospoñer a misión, non hai ganas nin forzas para seguir no aeroporto.

Pero a caravana xa estaba en marcha, eu xa pasara antes polo caracol, saudado aos compas: as bromas de rigor, o ollo que me cae e a compa da xunta de bo goberno que se bota as mans á cara, máis risas. Paramilitares paseándose a plena luz do día armados ata os dentes pola porta de caracol. Bicos, abrazos e de volta a Palenque á espera de que chegue o resto do grupo e que a xunta de bo goberno conteste ao plan de traballo.

Pero a miña xente non chega e empezo a mobilizar a todos os meus contactos chiapanecos para salvar a situación; xente que coñezo polo camiño, amigos clown, os letrineitors. Nada, non son capaz de remontar a situación, para cando chego ao caracol a reportar que non é posible de momento a caravana xa levo varios días oíndo o mesmo rumor: están a baleirar os caracois de estranxeiros... pero a nós non nos dixeran nada, así que pensei que na zona norte −tan distinta como sempre− non pasaría nada. Pero esta vez non, hoxe a xunta confirma os meus temores: non teñen a resposta −que nestes casos é como dicir que non−, non haberá celebración do primeiro de xaneiro e, o mais estraño, non atopan as nosas cousas para que eu as revise.

Despídome, máis risas e palabras sentidas, pero voume coa conciencia clara que este 1.° de xaneiro algo empeza a moverse en Chiapas. En ningún caracol se celebra o levantamento zapatista, solo en San Cristóbal empeza o 30 un foro internacional para debater con intelectuais do máis alto nivel da esquerda antisistema do continente.

Para alá marcho cun sabor a 1994 na boca, a aquela madrugada cando o "xa basta" zapatista espertou ao mundo. Non sei se esta vez os indios tomarán as rúas de San Cristóbal ou simplemente se preparan para outra nova forma de loita. O que se presinto é que de novo non toca ser observadores privilexiados de fermosas páxinas da historia mexicana e da esperanza no mundo.



Crónicas anteriores:


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: