A costa pacífica de Chiapas é unha das xoias deste país: estuarios, manglares, praias de eternas postas de sol, deliciosos manxares do campo e do mar. Un paraíso. Crónica de Iván Prado.
Un paraíso onde as desigualdades, os atropelos de mal goberno e a decadencia do sistema de mercado levaron a moitas familias a organizarse en comunidades en resistencia.
Chego un 24 de decembro a un lugar onde o mar e o ceo se dan a man, para pasar os dous días de espera antes de que chegue o resto da caravana.Na palapa atopo varios loitadores sociais e xentes de diferentes movementos internacionalistas que se reúnen a pasar un Nadal diferente confabular contra o sistema en medio dun paraíso de hamacas e palmeiras. O mesmo día que chego, á tarde, chega unha familia moi especial a pasar a noiteboa -avoas e netos incluídos- que se achegan desde a cidade máis próxima.Son os xefes dun movemento contra o mal goberno que aglutina a 13 comunidades e nove barrios.
O pater de familia conta á noite, entre risas e chistes picantes, as tres veces que o levaron preso e de como non facía caso dos rumores. Pero hoxe é diferente: o seu fillo (chámanlle o licenciado pola súa carreira de Dereito) xa está sendo ameazado con prisión e represalias por abandeirar un movemento contestatario; e a verdade é que, durante esa noite, o fillo presente na plática e na "diferente" cea de noiteboa non está moi falador. A estratexia gobernamental xa xerou o primeiro dano colateral, o seu medo.Aínda así toda a familia se entrega para facer que estas datas sexan de celebración, os nenos corren felices e libres entre as palmeiras buscando cocos que cazar, a tía avoa anima aos mozos a bailar e a matriarca da familia tira a dar cos seus chistes cheos de albur e picardía. Finalmente, obríganme a saír a bailar coa filla máis nova e cunha das representantes dos movementos alternativos mexicanos -adherentes á Outra campaña- algo de cumbia e merengue, uns chistes, risas algún xogo de maxia e máis chistes. Total, xa somos da familia.
Para acabar a noite unha fogueira na praia onde se mesturan debates políticos, enredos amorosos dos chavos, bromas e cancións da república, a antesala de interesantes debates sobre a loita e a resistencia.Cando se acaban as existencias de cervexa, tequila e lume, trasladamos a continuación deste soño común: a construción dun mundo onde caiban todos os mundos á zona das hamacas.
Á mañá seguinte antes de despedirnos da familia, acordamos unha xira de Pallasos en Rebeldía coas comunidades do colectivo autónomo e en resistencia da zona costa de Chiapas; talleres e actuacións, que esperamos dar nun ano, se é que as condicións o permiten; os rumores do agravamento militar e paramilitar, un posible repregamento das comunidades en resistencia, e as ameazas de cárcere e persecución non permiten facer plans a tan longo prazo.
Pero mentres esperamos volver xunto a estas xentes valorosas e belas, un pequeno adianto: o Gran Barbinni actuará na festa do 5.º aniversario da neta da familia; a miña primeira actuación como pallaso de aniversario. Todo un reto. Creo que estou mais nervioso que cando actuabamos baixo as bombas en Palestina.
-Non hai adversario pequeno, senón soños míseros que non valen a pena construír- di un pelicano que pasa polo meu lado.Na noite do 25 proxectamos o documental de Pallasos en Rebeldía en Palestina, sobre unha saba colgada entre os postes da palapa. Presentes: mexicanos, franceses, vascos, alemás, madrileñas e uns cantos animais do manglar. Acabamos dúas horas máis tarde entre abrazos e aplausos, logo dun coloquio ben chido como din aquí. A verdade é que este novo internacionalismo me enche de esperanza.Mentres as loitas dos pobos pola súa liberdade conmovan e mobilicen persoas de todo o mundo, aínda nos quedará tempo para a poesía... ou non!.