Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas desde Chiapas (II)

Os falsarios da historia venden visitas guiadas

O indio segue abrazando a terra que o alimenta, esperando que volva o xaguar e se leve estes guajalotes da modernidade. Escribe Iván Prado.

Iván Prado - 12:15 11/01/2010
Tags: Chiapas

Palenque, ano 0. Unha civilización maia desaparece e outra chea de odio, temor e complexos okupa a selva, os chairos, os ollos de auga, as fervenzas; chegou o castelán, con arcabuz; o tribunal da máis que Santa Inquisición e os seus cans que se montan. O que non saben estes malos aprendices de Atila é que entre a foresta e a casa do xaguar dormen o sono dos séculos restos dunha cultura capaz de competir en edificacións coas máis belas catedrais europeas, non solo dese momento senón tamén de séculos vindeiros.   

Trescentos anos tardaron en atopalas os herdeiros daquel sanguento xenocidio universal: a conquista; e outros cen en quererse apropiar delas nunha mestura de explotación mercantil e ocultación de estado, como os ladróns de tumbas -que buscan non deixar pegadas- os ideólogos desta forma cruel de negar a historia, transforman o coñecemento en folclore, as cinzas en enganos, a arte en valor de mercado.   

Hoxe, no lugar onde se estudaban as estrelas, os falsarios da historia venden visitas guiadas á mentira, negando mesmo aos descendentes dos pobos que primeiro camiñaron estas terras a oportunidade de seguir as súas tradicións. Xa non poden tocar a caracola para saudar os seus deuses, nin queimar o seu copal para honrar os seus mortos, mentres os gardas do parque usan os seus móbiles a xeito de reprodutores das cancións do momento e na porta trafican cos símbolos atopados entre as pedras (que aínda hoxe non se explican como chegaron aí). Os indios do país só poden quedar á porta vendendo a súa alma ao turista, pois dificilmente poden pagar os 100 pesos que custan a entrada e o transporte.   

Polas escalinatas dos templos e pazos, mexicanos de diferentes estratos sociais e turistas de todo o mundo baixan correndo nun maratón sen sentido onde a mellor foto é a que se fai finxindo entender o que pisan, corren para pisar cada pedra do recinto coma se iso puidese alixeiralos do peso da culpa, de seguir visitando as ruínas dunha cultura que eles negan cada día, deixando que os pobos indios perdan a súa lingua e a súa forma de camiñar; corren como occidentais o que non souberon defender como mexicanos.   

Mentres tanto, os saraguatos reinan no alto das árbores e o indio... o indio segue abrazando a terra que o alimenta, esperando que volva o xaguar e se leve estes guajalotes da modernidade.


Ligazóns

3,67/5 (3 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: