Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A partir deste mércores

O profesorado das EOI de Compostela e Lugo pecharase nos seus centros

Continúan as protestas dos sindicatos contra a circular de Educación. Anxo Louzao, de CIG-Ensino di que non pararán mentres a Administración non sente a negociar.

Redacción - 19:25 20/10/2009

O profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas (EOI) ten previsto continuar esta cuarta feira cos seus peches, desta volta nas instalacións de Compostela e de Lugo. A acción durará até a sexta á mañá. Segundo explicou o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, estes peches continuarán até que a Consellaría de Educación retire a polémica circular que modificaba as condicións da docencia nas EOI e sente a negociar cos sindicatos.

Ademais, segundo Louzao, "na EOI de Compostela xa é a cuarta vez que se removeron os horarios do alumnado, debido á nova distribución do profesorado", que agora deberá atender catro grupos en lugar de tres. Esta situación fai que corran perigo os horarios e o ensino de idiomas minoritarios, e que se acaben suprimindo. Para Louzao, isto indicaría que Educación estaría a favorecer o ensino privado destas linguas e empeorar o servizo público que prestan as escolas de idiomas.

A Consellaría segue "coa mesma actitude, manipulando a opinión pública, moi ao noso pesar", explica Louzao, chegando a dicir "que o investimento en profesorado é un despilfarro". Aínda así, o Grupo Parlamentario do PPdeG prometeulles aos sindicatos que xestionaría que Educación estivese disposta a recibilos, pero "aínda non se nos convocou".

Anxo Louzao fixo un balance positivo das accións de protesta que se levaron a cabo até agora, cunha "grande participación do profesorado nos peches" e o apoio do alumnado. Está previsto que esta quinta feira se entreguen no rexistro da Xunta as sinaturas recollidas a prol da calidade do ensino das EOI.


4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: