Xosé Luís Mira, director xeral, asegura que o número de estudantes pode aumentar até os 6.200 estudantes.
O director xeral de Educación, Xosé Luís Mira, asegurou este luns que a oferta das Escolas Oficiais de Idiomas (EOI) de Galiza pódense ampliar “até 6.200 estudantes máis” co cambio de horarios e co número “actual” de docentes. Xosé Cabido, responsábel de STEG, explica que esta medida limita a calidade do ensino e asegura que non só non haberá un aumento do número de mestres, senón que haberá "unha redución do 30%".
Porén, o venres, o conselleiro de Educación Xesús Vázquez Abad pronunciouse respecto á “optimización de recursos” dos centros, que fixo que a maioría dos mestres protestaran, e afirmou que permitirá “máis docentes dispoñíbeis”. Como resposta á demanda de titulacións nos centros de idiomas, Mira admitiu que “non é nada agradábel ver as ringleiras anos tras anos” á hora de facer formal a matrícula, que achacou o interese do alumnado pola “franxa horaria que máis se adapta as súas posibilidades”, é dicir, de 20.00 a 21.00 horas.
Mira insiste en que dá “unha imaxe que non nos gusta e imos traballar para que esta situación non se vexa novamente”. O pasado día 23 de setembro, máis de mil usuarios fixeron ringleira desde as 15.00 horas até o día seguinte en fronte a Escola Oficial de Idiomas de Compostela para poder matricularse. Deste xeito, o director xeral avanzou que o seu departamente traballará “coas escolas de idiomas para cambiar o procedemento de matrícula”, mediante a elaboración dun proceso informatizado para evitar o colapso de estudantes que buscan unha praza.
Aínda así, as escolas de idiomas critican o plan da Xunta provoca que de maneira inevitábel se reduzan os grupos nas bandas horarias máis demandadas. Pola súa parte, Mira rexeitou a “imaxe” que se quere trasladar a raíz da circular remitida ás EOI. Para o director xeral non representa “ningún problema”, xa que a súa función é ampliar a 18 as horas de clase por docente, pasando a dar clase “de tres a catro grupos”. Segundo Cabido, para que as escolas de linguas continúen funcionando hai que dotalas de "recursos humanos". Como consecuencia da situación actual, as EOI pretenden levar a cabo un peche continuado nos distintos centros de Galiza que comezará en Ferrol.