Bos números en Compostela para a iniciativa baloncestística. Na cidade olívica, os seareiros dispostos a confiar no novo proxecto futboleiro.
Chégannos as cifras do día inaugural da campaña de abonados do Obradoiro CAB. O ex xogador Ricardo Aldrey fixo honores de padriño na cita, por onde pasaron outros persoeiros da vida deportiva, política e cultural da capital do país.
Xa que logo, o balance do primeiro día ofrece un total de 550 inscritos. Todos eles poderán escoller xa os mellores asentos das bancadas, polo que a directiva do equipo chama os potenciais seareiros a non deixalo para máis tarde e acudir xa a sacar o carné obradoirista para asistir en primeira fila á tempada da ACB na cidade. "Dende o Clube, a satisfacción é máxima e queremos agradecer a tódolos afeccionados que fixeron efectivo o seu abono, mostrando así a súa ilusión na nova traxectoria do baloncesto galego na ACB", expresan nunha nota enviada aos medios.
Celtómetro en marcha
Mentres, polas galaicas terras do sur, os afeccionados do Celta de Vigo seguen sumándose á iniciativa do Celtómetro. Alén das altas e renovacións realizadas, os primeiros 552 socios que domiciliaron abono engádense xa á conta do Celtómetro polo que o "termómetro céltico" chegou xa aos 3.835 seareiros.