Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Preparando o debut na ACB

O Obradoiro confirma inxección económica e adestrador

Alén de Blusens, a Xunta investirá 1,25 millóns no equipo a través do Xacobeo. Doutra banda, anúnciase a Curro Segura como técnico.

Redacción - 11:45 31/07/2009

Este xoves coñeceuse que o adestrador do Obradoiro no seu debut na ACB será o andaluz Curro Segura Gómez. Acumula unha importante experiencia e de feito será esta a terceira vez que adestre na máxima categoría do básquet estatal.

En concreto, Segura Gómez fixo as tres últimas tempadas no CAI Zaragoza, onde conseguiu o subcampionato na Copa Príncipe. Na tempada 2007-2008 asinou o ascenso do equipo aragonés á ACB, logo dunha espectacular campaña na LEB, onde o cadro que adestraba rematou con balance de 28 vitorias e só 6 derrotas. Uns bos resultados que non conseguiría manter na máxima categoría, onde despois dun irregular inicio foi cesado cando o equipo era terceiro pola parte de abaixo da táboa, cunha ducia de derrotas e cinco triunfos. O seu traxecto anterior estivera vencellado durante cinco tempadas ao Menorca, equipo co que tamén acadou un ascendo da LEB á ACB, logo do campionato 2004-2005. Tenerife, Granada, Santa Adela e Albolote foron outros equipos adestrados por este técnico tanto en EBA como LEB.

O Xacobeo garante aval económico en Ano Santo
Este xoves presentáronse ademais formalmente os principais patrocinadores do Obradoiro CAB. Á fronte, a sociedade de xestión do Plan Xacobeo, a través da cal a Xunta garante 1,25 millóns de euros para o equipo. O xerente da sociedade pública, Ignacio Santos, explicou que se inxectan de inmediato 500 mil euros este ano e outros 750 mil durante 2010. A cambio, o Obradoiro levará ben visíbel a publicidade do Xacobeo 2010 e nos propios partidos verase publicidade relativa ao evento.

A secretaria xeral para o Turismo, Carme Pardo, valorou moi positivamente a oportunidade de que o equipo cumpra a función de "proxectar Galiza a través dos eventos deportivos". "Será unha magnífica ocasión de facer promoción do evento cultural e turístico máis importante para Galiza", dixo en referencia ao Xacobeo. Afirmou Pardo que a Xunta trata con este apoio de "asociar o Xacobeo cos grandes eventos e coa oferta cultural e lúdica", entre a que atopa o deporte, para "completar a oferta turística" do país e dar a imaxe dunha "Galiza dinámica".


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: