Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Os seus 192 membros, en pé aplaudino

A Asemblea Xeral da ONU condena o golpe en Honduras por aclamación

Micheletti advirte de que deterá o presidente Zelaya se regresa a Honduras. Este martes (oito horas menos que en Galiza), nova xornada de paro nacional.

Redacción - 19:45 30/06/2009
Zelaya foi amparado pola Asemblea

Zelaya foi amparado pola Asemblea

A Asemblea Xeral da ONU aprobou este martes por aclamación o proxecto de resolución a través do que Honduras solicitou a condena contra o golpe de Estado do pasado domingo. O texto tamén demanda a inmediata e incondicional restauración do Goberno lexítimo e constitucional do presidente da República, Manuel Zelaya, e a autoridade legal estabelecida en Honduras.

Ao comezo da sesión extraordinaria da ONU, o presidente da Asemblea anunciou que os países copatrocinantes do proxecto de resolución son: Antiga e Barbuda, Belice, Bolivia, Cuba, Dominica, Ecuador, El Salvador, Guatemala, Nicaragua, República Dominicana, San Vicente e as Granadinas, Brasil, Venezuela, Costa Rica, Perú, México, Chile, Uruguai, Arxentina, Paraguai, Siria.

Máis adiante, informouse que se engadiron como copartícipes os Estados Unidos, Canadá, Colombia, Cabo Verde, Barbados, Güiana e Bosnia e Herzegovina. Os 192 membros da Asemblea puxéronse en pé para aplaudirlle a Zelaya logo da votación.

Ameaza de detención
Por outra banda, o presidente imposto de Honduras, Roberto Micheletti, advertiu de que se Zelaya regresa ao país será detido. Este último anunciou o luns que volverá a vindeira quinta feira. O presidente electo conta co amparo da comunidade internacional que se negou a recoñecer o novo Goberno, instaurado logo do golpe de Estado.

O secretario xeral da Organización de Estados Americanos (OEA), José Miguel Insulza, e a presidenta de Arxentina, Cristina Fernández, formarán parte da comitiva que acompañará o derrocado mandatario hondureño a Tegucigalpa.

"Os tribunais de xustiza teñen orde de captura contra el porque incumpriu as leis", indicou Micheletti nunha entrevista dende Tegucigalpa á emisora colombiana Caracol Radio. Porén, os partidarios de Zelaya aseguran que isto será imposíbel, xa que "terían que meter preso a todo o pobo hondureño", segundo sinalou a Prensa Latina o poeta Candelario Reyes.

Segunda xornada de paro nacional

As tres centrais sindicais e organizacións campesiñas, xuvenís e sociais de Honduras manteñen este martes por segundo día un paro total por tempo indefinido contra o Goberno de facto no país. A protesta transcorre no medio do clima de tensión reinante logo da violenta represión deste luns por parte das forzas armadas.

A Fronte de Resistencia Popular, integrado polas organizacións participantes na protesta en defensa do presidente constitucional, Manuel Zelaya, convocaron a folga ata a derrota do golpe, e rexeitaron calquera diálogo cos militares e o Goberno de Micheletti, que cualificaron de fascista e violentador da legalidade da nación.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: