Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
ADVERTIU O PRESIDENTE VENEZUELANO EN MANAGUA

Venezuela suspende envío de petróleo a Honduras

O anuncio fíxoo o presidente Hugo Chávez esta Segunda feira na súa intervención na xuntanza dos países da ALBA e do Grupo de Rio, que se realizou en Managua para tomar medidas contra o golpe de Estado que aconteceu en Honduras.

Xurxo Martínez Crespo - 12:04 30/06/2009

"Venezuela vai propoñer unha xuntanza de Petrocaribe, non enviaremos máis petróleo ao Goberno de Honduras. Como imos a enviarlle petróleo con facilidades?".

"Coido que hai que dar un ultimato", pontualizou o presidente venezuelano. O feito de que non se recoñeza ao Goberno ilexítimo que se instalou en Honduras "non significa que non exista. Hai unha realidade. Daquela, hai que situalo e no suposto de que non aconteza ren hai que apertar as porcas", salientou.

O presidente venezuelano propuxo levar a xuízo aos militares e civís que están apoiando o que cualifica como unha "barbaridade", para sentar precedentes, e evitar que se repita o que pasou en Venezuela co golpe de Estado do 11 de abril de 2002.

Reiterou o seu chamado a presionar por todas as vías posíbeis. Neste sentido dixo: "Á Corte Interamericana de Dereitos Humanos, é momento de actuar, enviar comisións a Honduras".

E dirixíndose ao secretario xeral da OEA, José Miguel Insulza, quen estivo presente na reunión, o presidente venezuelano suxeriu: "Secretario xeral da OEA: vaia cun grupo de ministros de Exteriores, xa, porque o golpe está en plena marcha".
 
"Por dignidade non podemos aceptar isto nin un día máis. Zelaya ten que voltar ao palacio de Tegucigalpa sen condicións, e a eses golpistas non lles queda máis que renderse e entregarse. Eses criminais deben pagar polo que fixeron", reiterou.

Chamou novamente a non quedarse nas meras declaracións. "Que remate xa a condena pública e o silencio, o cal é unha complicidade. Non quero que marchemos hoxe destas xuntanzas tan importantes con declaracións moi importantes, e que Manuel Zelaya fique como alma en pena, coma se nada pasase", dixo o presidente venezuelano.


4,43/5 (7 votos)