Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Golpe de Estado

Deteñen o presidente de Honduras e depórtano a Costa Rica

Manuel Zelaya foi retido polo exército antes de comezar o referendo que tiña convocado para reformar a Constitución. O novo presidente interino decretou o toque de queda.

Redacción - 08:00 29/06/2009
O presidente interino, Roberto Micheletti

O presidente interino, Roberto Micheletti

O presidente de Honduras, Manuel Zelaya, foi detido e expulsado este domingo do país polos militares, xusto dúas horas antes de comezar o referendo que el mesmo convocara para reformar a Constitución. Zelaya foi deportado a Costa Rica, dende onde sinalou que fora vítima "dun secuestro brutal" por un "grupo de militares" do seu país. Milleiros de cidadáns de Honduras partidarios de Zelaya saíron ás rúas para protestar contra o golpe militar.

A detención e expulsión do presidente hondureño foi decidida dende o Tribunal Supremo, institución que actuou sen consultar a policía, partidaria de Zelaya, e contando só co exército, adversario do presidente.

O novo presidente decreta o toque de queda
O Congreso de Honduras, reunido de urxencia nunha sesión especial este domingo, nomeou o até o de agora presidente da Cámara, Roberto Micheletti, presidente interino do país, en substitución de Zelaya. Micheletti previsibelmente ocupará o cargo até 2010, data na que termina o mandato para o que foi elixido Zelaya.

Porén, o primeiro movemento de Micheletti como presidente interino foi decretar un toque de queda en todo o país durante os vindeiros días, para "garantir a orde pública" despois de triunfar o golpe de Estado. O toque de queda entrará en vigor ás 21h00 (hora local) e prolongarase até as 06h00.

Mentres, nas rúas, sucédese o caos. Centos de partidarios de Zelaya, a maior parte cos rostros cubertos por máscaras e armados con paus, ergueron barricadas no centro de Tegucigalpa e bloquearon o acceso pola estrada ao palacio presidencial.

Zelaya reúnese con Chávez, Correa e Ortega en Nicaragua
O deposto presidente hondureño, viaxou na madrugada desta segunda feira (hora galega) a Nicaragua nun avión dispoñibilizado por Venezuela para participar nunha xuntanza urxente da Alianza Bolivariana para as Américas (ALBA). Na capital do país, Managua, Zelaya foi recibido con aplausos, vivas e abrazos por Hugo Chávez -quen asegurou no domingo que conseguirán "quebrar o golpe"-; o ecuatoriano Rafael Correa e o anfitrión Daniel Ortega.

A reunión extraordinaria da ALBA, convocada por Ortega, ten como fin exixir que Zelaya sexa restituído no seu cargo, segundo manifestou Chávez, asegurando que este golpe de Estado é parecido ao sufrido polo presidente Salvador Allende, en 1973, e o sufrido temporalmente por el mesmo en 2002. De novo, Chávez volveu acusar os EUA de estar detrás do golpe.

Porén, o presidente dos Estados Unidos, Barack Obama, desmentiu estas acusacións, declarándose preocupado pola detención e expulsión do presidente de Honduras. Obama solicitoulles aos "actores políticos e sociais" do país que respectasen as normas democráticas e a Constitución. Tamén a Unión Europea condenou a detención do presidente de Honduras, igual que o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero e o Congreso dos Deputados.

Un referendo polémico
O referendo sobre a Constitución, programado para este domingo, tiña dividido o país: segundo o goberno, a intención da consulta popular era de dar máis poder ao pobo, pero o exército, o parlamento e o tribunal supremo, que reciben o apoio do empresariado e da Igrexa, considerábano ilegal, porque lle permitiría ao presidente do país "perpetuarse no poder".

Nestes últimos días, a situación política en Honduras era moi tensa, e o exército, contrario ao referendo, despregárase, silandeiro, polas rúas. Zelaya conta co apoio das organizacións populares e indíxenas do seu país e de Cuba, Venezuela, Bolivia e a OEA.

Máis información:


4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Durante as protestas contra o golpe de Estado, un partidario de Zelaya, coa face tapada
Durante as protestas contra o golpe de Estado, un partidario de Zelaya, coa face tapada
Membros do exército actuando o domingo contra a xente que ía participar na consulta popular
Membros do exército actuando o domingo contra a xente que ía participar na consulta popular
Momento da detención de Zelaya
Momento da detención de Zelaya